Noa Presas comprométese a crear 1.000 prazas de escolas infantís de 0 a 3 anos no primeiro ano de lexislatura
O BNG lanza as prioridades para o futuro goberno galego en materia de servizos públicos comprometéndose a reforzalos, sobre todo en Ourense. Entre as medidas, o BNG comprométese a crear no primeiro ano de goberno 1.000 prazas de escolas infantís de 0 a 3 anos, a creación dun servizo público de coidado a domicilio dirixido a cubrir necesidades de conciliación, así como duplicar as prazas dos centros de día.
A cabeza de lista do BNG, Noa Presas, e o número 2 da candidatura, Iago Tabarés, mantiveron un encontro con persoas con dificultades para conciliar. “Cando falamos dos problemas de conciliación sempre achegamos números mais hoxe quixemos cara ás cifras e por iso nos reunimos con Whitney, Neli, Ramos e Chus” explica Presas.
“A conciliación neste país case é un unicornio, un animal de fantasía, que non existe porque non hai un apoio por parte da Administración Pública para facer que, tanto os máis pequenos como os máis maiores, teñan unha rede de apoio” denuncia a cabeza de lista. Segundo sinala, conciliar na actualidade é “misión imposible en xeral” e “máis difícil aínda en Ourense”.
Os datos avalan a tese da cabeza de lista do BNG porque o goberno da Xunta do Partido Popular. “Ourense é moi damnificada polas políticas do PP en materia de conciliación: en 14 anos non se apostou por crear nin unha praza de escola infantil pública na cidade, somos a única cidade que continúa a non ter unha residencia pública de maiores pese a ter a poboación máis avellentada e unha ratio nos centros de día moi por debaixo das necesidades” enumera.
Camiñar cara un novo modelo de coidados a partir do 18F
“Comprometemos a, no primeiro ano de goberno do BNG, crear 1.000 prazas públicas de escolas infantís -de 0 a 3 anos- como inicio dun Plan de ampliación da rede escolas infantís públicas no que teremos en conta sitios con máis necesidades como Ourense cidade” afirma Noa Presas. En opinión da candidata, se queremos favorecer que a xente veña vivir aquí -Ourense- hai que axudar desde as institucións. “Aumentaremos os recursos para que poida haber unha bolsa de horas de canguro para situacións sobrevidas -puntuais- a través dunha rede de coidados que facilitaría a propia administración” explica.
Así mesmo, a cabeza de lista avanza un novo modelo de coidados para as persoas maiores como a “creación dun servizo público de coidado a domicilio dirixido a cubrir necesidades de conciliación de natureza extraordinaria tanto das crianzas (desde os 4 meses até os 12 anos) como das persoas adultas”.
“Queremos impulsar novos centros de día para chegar como mínimo á ratio de 2 prazas por cada 100 maiores de 65 anos e que haxa polo menos un por comarca. Hoxe está en 1.3 polo tanto queremos duplicala e ampliar a cobertura do territorio” salienta Noa Presas. O noso compromiso, continúa Noa, é duplicar a cobertura que actualmente existe.