O alcalde de Ourense recibiu a Candela Castro e Gonzalo Caparrós, campioa e subcampión de España de loita
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, acompañado polo primeiro tenente de alcalde, Aníbal Pereira, e o concelleiro Antonio Fernández, recibiron este xoves no salón de plenos do Concello a Candela Castro e Gonzalo Caparrós, deportistas ourensáns do club de loita Atila Ourense que veñen de proclamarse campioa de España de loita libre olímpica e subcampión de España en loita grecorromana, respectivamente.
Castro e Caparrós participarán coa selección española no Campionato do Mundo sub20 de loitas olímpicas que se desenvolverá no mes de setembro na cidade de Pontevedra.
Candela Castro obtivo o campionato de España sub20 e sub23 en loita libre feminina, e tamén foi medallista coa selección española en torneos internacionais. Gonzalo Caparrós foi subcampión de España na categoría sub20, logo de ser campión 2 veces en torneos anteriores. Os dous deportistas están no Centro de Tecnificación de Pontevedra e acudiron ao Concello acompañados polo seu adestrador Jacobo Nóvoa.
O alcalde felicitou os deportistas polos recentes éxitos acadados e deulles ánimos cara os novos desafíos que van acometer.