O alumnado do CEIP Padre Feijoo inaugura un mural para concienciar sobre a sustentabilidade ambiental

Afundación, a Obra Social de ABANCA, desenvolveu este martes, 8 de marzo, no CEIP Padre Feijoo de Allariz, o seu proxecto ‘Plantando árbores con pinceis’, coa participación de 91 rapazas e rapaces de 5º e 6º de Educación Primaria. Durante a actividade elaboraron un mural con pinturas fotocatalíticas anticontaminantes. O artista David Brey Vázquez, de Vella Escola, foi o encargado de dirixir a creación da obra nun dos murais do centro educativo. Durante a mañá tamén decoraron bolsas de tea con pinturas ecolóxicas.
A iniciativa enmárcase no programa da Obra Social de ABANCA ‘Educación para a sustentabilidade’, que obtivo en 2024 o premio nacional de Medio Ambiente de CECA. En ‘Plantando árbores con pinceis’ Afundación combina a cultura, a formación e a sostibilidade nun mesmo proxecto no que se incide no imprescindible coidado do medio ambiente para garantir un mundo acorde cos principios que guían os ODS 2030.
‘Plantando árbores con pinceis’ púxose en marcha no 2021, dentro das propostas que a Área Educativa de Afundación ofrece ao longo do curso académico. Cando remate este curso 2024-2025, máis de 17.000 escolares e docentes terán pintado máis de 175 murais en centros educativos de toda Galicia.