O alumnado do IES Allariz participou nunha charla informativa sobre violencia de xénero
Este luns, 18 de novembro, arrancaron en Allariz as actividades para conmemorar o 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que se extenderán durante toda a semana.
Para dar comezo á programación, o alumnado de 4º da ESO do IES Allariz participou nunha charla impartida por Anxélica Mercado, onde se abordaron temas fundamentais sobre as agresións sexuais e a violencia sexual.
O venres 22 de novembro ás 19.30 horas, no Fogar dos Maiores, terá lugar a charla “A violencia de xénero a través das redes sociais”, impartida por Patricia Alonso Ruido, profesora do grupo ESCULCA e investigadora principal en proxectos centrados nas ciberviolencias. Esta charla, aberta a todos os públicos, abordará as múltiples formas de violencia contra as mulleres no mundo dixital, un problema crecente na sociedade actual.
O domingo 24 de novembro ás 18.00 horas, na Casa da Cultura, será a quenda da obra de teatro "Bravas", interpretada por Isabel Risco. Esta representación ofrece unha particular visión da historia das mulleres galegas, unha historia roubada, escondida e sen visibilidade. A través dunha viaxe no tempo, a obra fai parada en diversas “estacións” protagonizadas por mulleres do pasado, presente e futuro, mostrando a súa resiliencia e fortaleza.
Finalmente, o luns 25 de novembro, día no que se conmemora oficialmente o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, levarase a cabo lectura do manifesto contra a violencia de xénero na Praza Maior ás 12.00 horas, coa participación de diferentes sectores de Allariz. Este acto reafirmará o compromiso local nesta loita.