O Auditorio acollerá o 13 de abril a segunda Gala benéfica por Eles TEA
O Auditorio municipal de Ourense acollerá o día 13 de abril a segunda Gala benéfica por Eles TEA. A concelleira de Asuntos Sociais, Ana Fernández Nieto, recibiu no salón de plenos a María Losada, vicepresidenta da asociación Por Eles TEA, Rebeca Iglesias Fernández, vogal da asociación e a Marta Bravo Taboada, directora do estudio Repenica, que traballan na organización deste evento, que ten o Concello de Ourense como colabordor principal.
A gala ten como finalidade “visibilizar o autismo, sensibilizar a sociedade e axudar cos proxectos que pretende desenvolver a asociación”, segundo explicou María Losada. Será, avanzou, “un espectáculo precioso de música e de danza, no que contaremos algunhas cousiñas acerca do autismo e da nosa asociación para que toda a sociedade ourensá nos coñeza mellor”. Será a segunda edición desta iniciativa que, logo da exitosa experiencia inicial do ano pasado no Teatro Principal, trasládase este ano a un espazo de maior capacidade, como é o auditorio.
O espectáculo contará coa participación da Escola Estudio Repenica, a banda Tango y Cash, as escolas de baile Catro Pasos e Tics e o coro universitario e estará presentada polo actor e escritor Pablo Piñeiro. Será o día 13 de abril ás 18.30 horas, e as entradas (8 euros) están xa á venda na páxina web de Ataquilla: