O BNG acusa a Jácome de ocultar a grave situación económica na que se atopa o Concello

OurenseXa
Desde o Grupo municipal nacionalista sinalan que o obxectivo do Goberno Local co cesamento dos máximos responsables da fiscalización e o control económico do Concello “é poder tirar cara diante sen ningúen que cuestione o que se fai. Preténdese tapar a grave situación económica na que se atopa a día de hoxe o Concello de Ourense”
luis_seara
Luís Seara, portavoz do BNG no Concello de Ourense
19 Apr 2024

O BNG vincula o cesamento dos máximos responsables da fiscalización económica municipal ao feito de que “o actual Goberno Local non quere a ningúen que cuestione nada do que se fai e alerte sobre os continuos incumprimentos dos procedementos e da legalidade que debe rexer nunha administración pública xa que o Alcalde, a miúdo, pensa que xestionar o Concello é o mesmo que xestionar Jolper”.

Luís Seara ten claro que ambos cesamentos teñen por obxectivo, “poder tirar cara diante sen ningúen que cuestione o que se fai. Preténdese tapar a grave situación económica na que se atopa a día de hoxe o Concello de Ourense, consecuencia dunha nefasta xestión ao longo dos últimos cinco anos con PP e DO, ben sexa xuntos ou separadamente gobernando o Concello”.

Seara lembra que, “a día de hoxe temos preto de 15 millóns de euros na conta 413, algo nunca visto e ao que haberá que facer fronte nalgún momento. Preto de 30 millóns sen contabilizar e correspondentes ás reclamacións das empresas concesionarias. O cumprimento da sentenza de anulación do capítulo I o que xa está a provocar moitos problemas para o pagamento das nóminas do persoal municipal así como sentenzas varias pendentes de executar e que sitúan ao Concello nunha situación moi delicada desde o punto de vista económico, algo que vímos advertindo desde hai tempo no BNG”.

0.17700099945068