O BNG acusa a Jácome de ser "o único responsable” dos impagos ao persoal do Concello
Hai xustamente un mes, o pasado 25 de marzo do presente ano, o Grupo municipal do BNG comparecía diante dos medios para dar conta do errático proceder do actual Goberno Local á hora de executar a sentenza de anulación do capítulo I do Orzamento do ano 2020, tendo que retrotraerse o mesmo ao anterior aprobado, que databa de 2014 e que contaba con preto de 4 millóns de euros menos no citado capítulo I, o referido aos gastos de persoal.
Daquela, o Portavoz municipal nacionalista Luís Seara, dirixíase ao Alcalde para esixirlle que concretase “cómo se vai resolver un problema de enorme relevancia que o propio Goberno creou”, ao tempo que lembraba que “a responsabilidade desta chapuza monumental é do actual Goberno, pero non estariamos aquí se non houbera responsabilidade compartida entre os socios daquela PP-DO, quenes, a pesares de advertilos reiteradamente, fixeron caso omiso ás recomendacións dos técnicos, dos Grupos politicos, e dos sindicatos e aprobaron un Orzamento a sabendas de que era ilegal”.
O certo é que nas últimas nóminas e como consecuencia da execución da sentenza, parte do persoal municipal, concretamente membros do Corpo de bombeiros e da Polícía Local, están percibindo entre 700 e 550 euros menos nas súas nóminas ao non poder facer fronte aos pluses por nocturnidade e festividade xa que como ben sinala Luís Seara, “a situación económica do Concello é tan extrema que está en risco o cobro das nóminas chegados aos últimos meses do ano en curso pois o Goberno é incapaz que dicir se a día de hoxe hai cartos suficientes ou non para facer fronte ás mesmas e sobor de todo, de que maneira se vai solventar esa diferenza de preto de 4 millóns de euros existente a día de hoxe no capítulo I do Orzamento”.
No BNG advirten que “esta non é máis que a punta do iceberg dunha situación económica delicadísima que pode chegar a afectar ao resto das traballadoras e traballadores municipais e que terá consecuencias para a veciñanza a través dunha suba impositiva tal e como xa adiantou o propio Alcalde”.
Situación Bombeiros
En relación cos atrasos no pagamento dos complementos de nocturnidade e festividade aos membros do Corpo de Bombeiro, desde o BNG teñen claro que “a única responsabilidade é do actual Goberno Local e polo tanto do Alcalde, quen é ademais o máximo responsable de persoal do Concello”.
Seara recorda que “non estariamos nesta situación se, no seu día, se executase o acordo acadado na Xunta de Goberno Local do 2 de setembro de 2021, da que por certo tamén formaba parte o PP e na que se aprobou recoñecer ao persoal municipal do Concello de Ourense e do Consello Municipal de Deportes que desenvolva parte da
súa xornada ordinaria en noites e festivos o dereito á percepción dos pluses de nocturnidade e festividade previstos no Acordo regulador das condicións de traballo dos empregados públicos do Concello de Ourense, como parte das súas retribucións complementarias fixas, en aplicación da doutrina xurisprudencial fixada na sentenza da Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Supremo en outubro de 2020”, e engade, “a pregunta que cómpre facerse e que ten que respostar o Alcalde é porqué a día de hoxe está sen executar un acordo acadado en Xunta de Goberno Local no ano 2021”.
Desde o BNG esixen solucións inmediatas a unha situación que “pon ao límite a moitas familias, xa que estamos falando de minoracións das nóminas en algo máis dun 40% de persoas que desenvolven o seu traballo, que non teñen culpa da incapacidade do actual Goberno Local e que teñen dereito a percibir o salario que lles corresponde en función ao traballo que realizan”.
Seara conclúe reiterando que “este problema, inédito por certo na historia recente do Concello de Ourense creouno o actual Goberno e o actual Goberno terá que resolvelo. Que deixen de botar balóns fóra e asuman a súa responsabilidade”.