O BNG censura o proceder do Goberno Local tras a anulación do capítulo I do Orzamento de 2020
O Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense compareceu esta mañá para, segundo o seu Portavoz Luís Seara, quen estivo acompañado das Concelleiras Rhut Reza e Erea Blanco, “non soamente clarificar que aconteceu logo da anulación do capítulo I do Orzamento e cales son as consecuencias, senon para demostrar o disparate de quen está á fronte do Concello”. Segundo Seara, “este é sen dúbida o exemplo que evidencia a banalización da administración e como se pretende gobernar a golpe de improvisación e ocorrencia sen medir as consecuencias”.
Luís Seara comezou a súa intervención facendo un breve repaso sobre todo o acontecido desde a aprobación do Orzamento municipal do ano 2020, o último en entrar en vigor e elaborado polo bipartito DO – PP. Lembrou que “xa daquela, tanto o Grupo municipal do BNG, como técnicos municipais e representantes sindicais, advertimos das irregulariedades do mesmo como consecuencia de ter obviado un acto preceptivo e obrigado como é a negociación colectiva”.
Consecuencia daquela aprobación no ano 2020 e das posteriores denuncias interpostas por varias das organizacións sindicais con representación municipal, a xustiza anulaba en 2021 o capítulo I do citado Orzamento e referido aos gastos de persoal. Luís Seara sinala que “as cousas non pasan, ata que pasan. Un dos sindicatos, a CSIF, recurriu no Contencioso a aprobación do Orzamento, dándolle razón o Xulgado en sentenza de 28 de xuño de 2021, declarada firme por resolución de data 4 de novembro de 2022, e a partires de aí comeza cronolóxicamente a antoloxía do disparate, que ilustra como se goberna neste Concello e nas mans de quen estamos”.
O BNG sinala que un ano despois de que a sentenza devira en firme, o catro de maio de 2023, e dado que o Goberno Local non adoitara ningunha medida ao respecto, a CSIF solicita a execución forzosa da mesma, solicitude que acaba sendo estimada polo xulgado, dándolle ao Goberno Local un prazo improrrogable de dous meses e facéndolle saber que en caso de incuprimento, poderán imporse multas coercitivas de 150 a 1.500 euros”.
“Pasados seis meses, o 24 de novembro de 2023 novamento o Xulgado diríxe escrito ao Alcalde requeríndolle para que remita cantas dilixencias se practicaran para a execución da sentenza. Seguen pasando os meses e, como por parte do Alcalde non se fai nada, o 21 de febreiro de 2023, un funcionario do Xulgado persónase no Concello e practica unha dilixencia de requerimento ao Rexedor. Esa notificación é recollida polo propio Alcalde tal como consta na dilixencia. A partires da notificación é cando Jácome entra en pánico e ese mesmo día asina un Decreto onde resolve cumplir o ordenado polo Xulgado”.
Nese Decreto ditábase o cumprimento da sentenza e polo tanto a anulación do capítulo I do Orzamento de 2020, entrando en vigor de xeito automático o capítulo I do Orzamento de 2014, o anteriormente aprobado. Mais o significativo a ollos do BNG é que “este Decreto asínase sen que informara previamente o titular da Oficina de Xestión Económica e Orzamentaria nin o Interventor municipal, dous informes que son preceptivos para a validez do Decreto, dándollestraslado do mesmo o 29 de febreiro, é dicir, oito días despois da sinatura”.
Para colmo do esperpento, segundo sinala Luís Seara, “sae a escea o Director Xeral de RRHH, quen fixo a proposta para que se aprobara o Decreto de 21 de febreiro”, e engade, “o Director Xeral conclúe que meteron a zoca e que iso compromete o pago da nómina do mes de marzo dado que o Interventor non pode fiscalizar a mesma ao non estar reflictida na contabilidade municipal o capítulo I do Orzamento de 2014, e que polo tanto hai que dar marcha atrás porque fan falla os informes de Intervención e da Oficina de Xestión Económica e Orzamentaria, xa que a ausencia destes informes podería dar lugar á anulabilidade da resolución xa adoptada. Resumindo, que a pringaron”.
Asunción de responsabilidades e solucións
Diante de tal situación, desde o Grupo municipal do BNG teñen claro que “a responsabilidade desta chapuza monumental é do actual Goberno, pero non estariamos aquí se non houbera responsabilidade compartida entre os socios PP-DO, que, a pesares de avisalos reiteradamente, fixeron caso omiso ás recomendacións dos técnicos, dos Grupos politicos, e dos sindicatos e decidiron aprobar o Orzamento en 2020”.
Os nacionalistas pregúntanse que é o que vai acontecer chegados a este punto aínda que Seara ten claro que “si ou si van ter que modificar o Orzamento de 2020, porque o que se acaba de facer é unha fuxida cara adiante, pero non é suficiente, e aquí é onde entra o servizo impagable do PP, corresponsable directo desta situación, tal e como ven de recoñecer o Presidente Provincial dos Populares logo de dicir Jácome que os ten pillados. Tentarán escenificar que é polo ben da cidade pero o PP sairá novamente en auxilio de Jácome e daralle un novo salvavidas, o enésimo salvavidas”.