O BNG comprométese a impulsar unha Lei Galega de Vivenda

OurenseXa
Presas comprométese a crear unha Lei Galega de Vivenda e desenvolver un Plan de Mobilización de Vivenda que poña a disposición 12.000 vivendas baleiras
Noa_Presas_encontro_mocidade
Noa Presas durante un encontro coa mocidade ourensá
12 Feb 2024

A cabeza de lista do BNG, Noa Presas, avanza as propostas en materia de vivenda que a formación nacionalista desenvolverá no Goberno Galego a partir do 18F. No curto prazo, o BNG porá a disposición 12.000 vivendas públicas e desenvolverá un Plan de mobilización da vivenda baleira. Así mesmo, comprométese a pór fin á parálise do PP en materia de vivenda e pública e impulsar unha Lei Galega de Vivenda que converta o acceso á vivenda nun dereito e non nun privilexio.

Durante o encontro con mocidade, a cabeza de lista analiza a actual situación de parálise en materia de vivenda pública após 15 anos de goberno de Partido Popular. En todo Galiza hai aproximadamente medio millón de vivendas baleiras que, nestes momentos, non están sendo empregadas e, “para o BNG, é prioritario mobilizar a vivenda baleira e impulsar unha Lei Galega de vivenda que a converta nun dereito”. Concretamente, 90.000 vivendas baleiras están concentradas nas grandes cidades.

“Isto é algo que afecta de maneira moi importante á cidade de Ourense, con case 17.000 vivendas baleiras e, na maior parte, en mans de bancos e de  grandes fondos de investimento” sinala a cabeza de lista.

Presas anuncia a implicación da Xunta de Galiza, en mans do BNG, a través da promoción “dun Plan de mobilización da vivenda baleira e un plan para poñer 12.000 vivendas públicas en alugueiro facendo que a mocidade poida ter un parque público de vivendas en alugueiro ao que acceder”. Este último plan, explica, consistirá en adquirir vivenda con pequenas reformas, unha opción “moito máis rápida e máis sostible”.

A construción da vivenda pública tamén será unha prioridade, sinala Presas, fronte ao modelo executado polo Partido Popular que “en Ourense só construíu unha vivenda pública en 15 anos”. Ante esa parálise e ese fracaso do PP, a Xunta de Galiza de Ana Pontón “daralle a volta a esta situación para que por fin a xente deste país teña acceso á vivenda e non sexa un privilexio.

O programa de goberno do BNG propón aumentar  en 12.000 vivendas o parque público actual ao longo dos próximos oito anos, principalmente a través dun plan de compra masiva de vivenda baleira  para poñer no mercado en réxime de aluguer a prezos limitados.

0.19870781898499