O BNG critica ao Goberno municipal polo “caos” na a organización dos Maios

OurenseXa
Denuncian a falta de transparencia sobre a localización de cada Maio ata o propio domingo pola mañá, o que xerou “incertidume” entre os participantes e caos entre a Praza Maior e a Praza de Santa Eufemia
bng-ourense
BNG Ourense
5 May 2025

O Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense clasifican de “caótica” a organización dos Maios 2025. O descoñecemento absoluto das participantes e dos participantes até o propio domingo pola mañá de onde tiñan que colocarse e en que orde, xeraron caos e “baile” dos Maios dun lado para outro até localizar alguén da organización.
A concelleira nacionalista, Erea Blanco sinala que “as participantes non obtivemos información do Concello desde o venres, en que nos enteramos polo propio alcalde no Pleno e despois, vía chamada telefónica, que se ían facer cubertos por mor da chuvia”. Engade que “até o último momento non estaba clara a localización definitiva”.

Sobre a orde e colocación, desde a formación nacionalista critican que dependese das e dos participantes e da súa hora de chegada a localización de cada Maio, “enterámonos pola mañá cedo que había persoal técnico que daba os números e podías colocar o Maio onde atoparas espazo” indica Blanco.

Desde a fronte nacionalista non só sinala como caótico o propio proceder da organización neste ámbito, senón tamén que os Maios este ano teñan que ser retirados sobre as cinco da tarde, cando en anos anteriores non se retiraban até ás sete. “A xornada dos Maios é unha xornada completa, as participantes pasamos toda a semana facendo o Maio e alén de cantar as coplas e estar no noso Maio gustamos de poder gozar de ver os outros”.

Desde o BNG engaden que “os Maios son unha tradición moi arraigada en Ourense e vense afeados cando tan sequera podemos cantar as coplas enteiras con xeito”. Erea Blanco sinala que “os cantos das coplas foron un descontrol, o xurado apenas escoitaba 3-4 estrofas das coplas e xa marchaba” e engade que, “é unha mágoa porque gozamos moito co canto das coplas e é unha tradición ben divertida que esmorece se se lle resta importancia. Non hai maio sen coplas”.

⚙ Configurar cookies
0.15497803688049