O BNG de Barbadás pide crear aparcamentos disuasorios na Valenzá e nos núcleos rurais da contorna

O BNG de Barbadás leva ao pleno que se celebra este luns unha proposta para crear estacionamentos disuasorios na Valenzá e tamén nos núcleos rurais do municipio, co obxectivo de mellorar a mobilidade e dar uso a parcelas actualmente sen aproveitar.
Desde o grupo municipal nacionalista sinalan que o crecemento urbanístico experimentado na Valenzá nas últimas décadas non foi acompañado dunha planificación axeitada. O seu portavoz, Sarín Núñez, afirma que “este desenvolvemento non veu acompañado da dotación de servizos públicos e sociais necesarios”, o que derivou en problemas de tráfico e estacionamento.
Nesa liña, Núñez explica que “a falta de planificación urbanística provocou unha situación na que A Valenzá presenta rúas estreitas, con pendentes íngremes e unha evidente escaseza de prazas de estacionamento”, o que fai que “sexa habitual observar problemas de tráfico e vehículos estacionados en dobre fila, especialmente na Avenida de Celanova”, polo que consideran necesario actuar.
A proposta do BNG pasa por habilitar zonas de aparcamento en solares sen uso situados en puntos estratéxicos. Segundo indican, “na actualidade existen solares na Valenzá sen uso situados en zonas estratéxicas que poderían destinarse a este fin”, apostando por acordos cos propietarios a través de cesións temporais que permitan compatibilizar o uso público co mantemento da titularidade privada.
Para fomentar esta colaboración, a formación nacionalista propón incentivos fiscais, sinalando que “o Concello podería contemplar a condonación do imposto do IBI das parcelas durante o período de cesión, así como outras posibles compensacións económicas que resulten necesarias no imposto do patrimonio”.
O BNG pon como exemplo iniciativas similares noutros concellos galegos, como Verín ou Pontevedra, “onde se apostou pola creación de zonas de aparcamento próximas aos núcleos comerciais, o que permitiu desconxestionar o tráfico e facilitar un acceso cómodo e próximo aos servizos básicos”.
Ademais, Sarín Núñez defende que esta medida non debe limitarse á Valenzá, xa que “estas actuacións tamén poderían estenderse aos núcleos rurais das distintas parroquias do concello, onde a configuración urbanística dificulta o estacionamento”, co fin de mellorar a accesibilidade en todo o municipio.