O BNG demanda o aumento do cadro de persoal no Xulgado de Celanova

OurenseXa
“O cadro de persoal permanece invariábel dende hai anos a pesares do notable incremento da entrada de asuntos”, denuncian os nacionalistas
Iago Tabarés
Iago Tabarés
17 sep 2024

Iago Tabarés, deputado do BNG no Parlamento de Galiza, vén de presentar por rexistro do Parlamento unha iniciativa na que demanda da Xunta de Galiza o incremento do cadro de persoal no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Celanova, e con carácter inmediato, a dotar o Xulgado con persoal de reforzo no corpo de auxilio xudicial e no de tramitación procesual.

Iago Tabarés sinalaba que procede de forma inmediata adoptar medidas de reforzo, xa demandadas polo propio Consello Xeral do Poder Xudicial tras a inspección realizada no ano 2022,  que permitan a tramitación ordinaria dos asuntos e eviten a crecente demora na resolución dos procedementos que se tramitan no Xulgado de Celanova, sen prexuízo da saúde, física e mental das traballadoras actualmente sometidas a un estrés continuo derivado de ter que atender un crecente número de expedientes cos mesmos recursos.

O cadro de persoal permanece invariábel dende hai anos a pesares do notable incremento da entrada de asuntos,  sinalizaba o deputado nacionalista, que continuou declarando que se pasou na orde civil dos 288 de 2017 aos 473 do 2023, o que malia o esforzo das traballadoras, reflectido no medre dos asuntos resoltos, a pendencia neste período multiplicouse por tres. Incremento do número de asuntos pendentes que non só se produciu na orde civil, pois na sección penal foi tamén dun 54%, e o número de executorias en tramitación tamén medrou en máis dun 50%.

Así pois, os datos contidos nas estatísticas do Consello Xeral do Poder Xudicial evidencian que o incremento da pendencia non é algo puntual deste exercicio, senón que se debe a un déficit estrutural do cadro de persoal e a súa falla de adecuación ao aumento da carga de traballo e das reformas lexislativas e procesuais habidas, sendo necesario ampliar o actual cadro de persoal.

O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Celanova único no partido xudicial que abrangue os concellos de A Bola, Cartelle, Celanova, Gomesende, A Merca, Quintela de Leirado e Ramirás esta atendido, ademais do persoal dependente da administración do Estado, por dúas funcionarias do corpo de xestión procesual, dúas do de xestión procesual e unha única persoal do corpo de auxilio xudicial, encargada esta última non só de asistir a sala un ou dous dias por semana, senón tamén das citacións e notificacións propias dos procedementos xudiciais, e tamén do Rexistro Civil.

Como consecuencia desta infradotación de persoal e segundo os datos publicado polo Consello Xeral do Poder Xudicial correspondentes ao pasado exercicio 2023, o número de asuntos pendentes na sección civil incrementouse nun 28%, na sección penal o incremento dos procedementos en tramitación medrou nun 41% e nunha materia tan delicada e sensible como é a violencia sobre a muller o aumento foi superior ao 100%. Actualmente e como teñen denunciado distintas organización sindicais o número de asuntos pendentes de resolver en materia de “Memoria Histórica” é de 610 o que de facto está provocar o colapso da oficina xudicial.

0.077797889709473