O BNG denuncia a falta de conciliación nos Centros Cívicos do Concello de Ourense
O BNG denuncia que as familias e crianzas do Concello de Ourense atópanse a día de hoxe, martes 1 de outubro, coa ausencia de programas de conciliación na rede de Centros Cívicos municipais pese a ter anunciado a Concelleira delegada en reiteradas ocasións e a preguntas do BNG tanto nas Xuntas de Área como en rogos e preguntas nos Plenos, “que tiñan reserva de cartos para facela efectiva neste cuarto trimestre do ano”.
A concelleira nacionalista, Rhut Reza, denuncia que “a conciliación foi eliminada tanto no verán de 2023 como no deste ano 2024 e hoxe é 1 de outubro e non hai conciliación nos Centros Cívicos e as familias non podemos anotarnos porque aínda non saíu a convocatoria”.
Para Reza queda evidenciado que o Goberno Local e concretamente a Concelleira delegada “non ten palabra nin é de fiar, pois tan sequera saíu a convocatoria, cando o ano pasado as crianzas levaban anotadas desde setembro”, e engade, “estamos diante doutro recorte máis dun Goberno Local que nin cre nos Servizos Sociais, nin cre nas crianzas e moito menos na conciliación das familias”.
Desde o Grupo municipal do BNG recordan que o curso pasado, o Goberno encabezado por Pérez Jácome, eliminou o programa Educocio que incluía a conciliación dentro dos Centros escolares. Rhut Reza sinala que, “o Grupo de Goberno xa dixo que non ía recuperar o Educocio mais sí dixo que ía recuperar a conciliación nos Centros Cívicos durante o curso escolar, cousa que non está cumprindo”, e engade, “as familias precisan conciliar, precisan deste servizo. Pedímoslle ao Goberno Local que rectifique e publique dunha vez a convocatoria do programa”.