O BNG denuncia que a supresión da ORA está a empeorar os problemas de estacionamento e de tráfico na cidade

OurenseXa
Advirten ademais da falta de transparencia nos datos sobre os radares de control de velocidade, sinalando que xa se rexistraron máis de 2.800 multas, “sen que se facilitase o desglose por cada un dos radares
Erea Blanco, Luís Seara, Rhut Reza e Xosé Manuel Puga
27 Jan 2026

O BNG de Ourense denuncia a falta de respostas do Goberno local ás preguntas formuladas nas Xuntas de Área desta mañá en relación coa liquidación presentada pola empresa concesionaria da ORA.

Segundo explicou o portavoz municipal, Luís Seara, “a compañía reclama preto de 800.000 euros, incluíndo xuros e calculados en base aos prezos actuais, sen que o Concello aclarase se vai asumir tamén a liquidación das traballadoras e dos traballadores afectados”.

Os nacionalistas tamén cuestionaron a continuidade da actual empresa, na prestación do servizo do guindastre “cun contrato caducado, con vehículos en mal estado e cobrando tarifas actuais”. Para o BNG, a falta de previsión e a improvisación constante na xestión, “fai que agora esteamos á espera dun novo contrato cuxa data de licitación non foi concretada”.

Ademais, pediron unha valoración dos primeiros días trala supresión da ORA, advertindo de “problemas de estacionamento en varias rúas, así como dun incremento do tráfico, do ruído e da contaminación, derivados do uso prolongado do espazo público para o aparcamento.”
Seara denuncia tamén a “falta de transparencia” nos datos sobre os radares de control de velocidade, sinalando que xa se rexistraron máis de 2.800 multas, “sen que se facilitase o desglose por cada un dos radares”.

Pola súa banda, o Concelleiro Xosé Manuel Puga preguntou polo proxecto de Hotel balneario previsto no antigo balneario das Caldas e pola repercusión que este pode ter sobre a Fonte do Tinteiro, unha cuestión que esperta preocupación polo seu impacto patrimonial e ambiental.

Finalmente, os nacionalistas trasladaron a inquedanza da veciñanza do barrio de Santa Ana pola reapertura dun local de alterne aberto as 24 horas. Lembraron que nas inmediacións do establecemento se atopan un centro escolar e unha parada de autobús, polo que solicitaron explicacións sobre o tipo de licenza coa que conta o local e sobre os motivos polos que se permitiu a súa reapertura.

⚙ Configurar cookies
0.085350036621094