O BNG do Pereiro Aguiar esixe á Xunta melloras nos servizos sanitarios

OurenseXa
Explican que a falta de atención pediátrica fai que máis de 800 nenas e nenos teñan que desprazarse até o Centro de Saúde Valle Inclán en Ourense
Iago Tabarés e Rubén García acompañados de compañeiros do BNG do Pereiro ás portas da Xunta 18.07.24
O portavoz do BNG no Rexistro da Xunta en Ourense
18 Xul 2024

O pasado mes de decembro de 2020 estreáronse as novas instalacións do Centro de Saúde no Concello do Pereiro de Aguiar, unha vella reivindicación que logo de moitos anos víase cumprida. Pero malia ao investimento realizado, superior ao millón de euros e a ampliación das instalación, ocupando unha superficie de máis de 682 m², desde o BNG sempre denunciaron que “a pesares do gasto efectuado e dos múltiples anuncios realizados, o Centro de Saúde non supón un incremento da carteira dos servizos sanitarios que recibe a veciñanza do Pereiro de Aguiar”.

O Portavoz municipal Rubén García sinalaba  ás portas do Rexistro da Xunta en Ourense que “desde hai algo máis de dous meses estivemos a recoller sinaturas entre a veciñanza do Pereiro de Aguiar para reclamar a mellora dos servizos sanitarios que actualmente se prestan no noso Centro de Saúde”.

“O caso máis chamativo é a ausencia de atención pediátrica nun dos poucos concellos que ve como aumenta a súa poboación ano a ano, de feito somos o único concello da provincia con máis de 6.000 habitantes que carece deste servizo”, e engade, “esta situación provoca que máis de 800 nenas e nenos teñan que desprazarse até o Centro de Saúde Valle Inclán en Ourense”.

Rubén García entende que “se o que se pretende é evitar o despoboamento do medio rural e fixar poboación no mesmo, o que se ten que garantir desde as administracións públicas e neste caso desde a Xunta de Galiza é a cobertura cando menos dos servizos básicos como é neste caso o sanitario e máis concretamente o pediátrico”.

O deputado no Pazo do Hórreo Iago Tabarés comezou a súa intervención lembrando que xa no ano 2021, como consecuencia da posta en servizo do novo Centro de Saúde, “desde o BNG xa denunciamos que a renovación dunha infraestrutura sanitaria tan importante non levase aparellada unha substancial mellora na atención sanitaria da poboación e dos servizos que se prestan como é pediatría, fisioterapia, odontoloxía ou hixiene buco-dental”.

Tabarés sinala que “co inicio da nova lexislatura temos que voltar dirixirnos á Xunta, desta volta acompañados por centos de veciños e veciñas que a través da súa sinatura, demandan atención para máis de 840 nenas e nenos que representan ademais ao redor do 14% do censo poboacional do Concello do Pereiro”.

O deputado Iago Tabarés insistiu no expresado polo Portavoz municipal Rubén García, “se queremos fixar poboación no rural para que este non esmoreza, temos que dotalo dos servizos básicos que favorezan o asentamento poboacional e dunhas condicións de vida dignas”.

0.19755291938782