O BNG e o PSdeG esixen explicacións sobre os cambios de mobiliario na sede de Urbanismo

OurenseXa
O grupo municipal socialista do Concello de Ourense vén de rexistrar unha solicitude urxente para coñecer por que se mercou novo mobiliario para a sede de Urbanismo, así como o total do mobiliario adquirido, a empresa adxudicataria do mesmo e o importe total da contratación do servizo de traslado, manexo e custodia de documentos.
Luís Seara, Portavoz do BNG
Luís Seara, portavoz municipal do BNG no Concello de Ourense
4 Mar 2024

O grupo municipal socialista do Concello de Ourense vén de rexistrar unha solicitude urxente para coñecer por que se mercou novo mobiliario para a sede de Urbanismo, así como o total do mobiliario adquirido, a empresa adxudicataria do mesmo e o importe total da contratación do servizo de traslado, manexo e custodia de documentos. “Hai cartos para comprar mobiliario novo que non é preciso pero as partidas son insuficientes para os servizos sociais ou a conciliación. Que intereses teñen Jácome e o seu concelleiro nisto?”, sinala a edil e portavoz do PSdeG, Natalia González Benéitez.

Neste senso, tamén reclaman saber as socialistas por que, e con que criterios, se produciron as reorganizacións de servizos das concellerias de Urbanismo e Infraestruturas e ter acceso á providencia ou orde de execución das accións de reorganización de dependencias municipais e autorización para a manipulación e custodia dos expedientes obrantes na mesma con todas as garantías legais.

Por que converteron nun auténtico caos e polvorín a concelleria de Urbanismo, removen a todo o persoal sen criterio algún e aínda por riba manexan documentación sensible utilizando a terceiros sen supervisión de ningún técnico municipal ou persoa autorizada?”, pregunta a edil ao respecto dos moventos coñecidos nas últimas horas.

Por todos este motivos, o grupo municipal esixe que, de maneira urxente, se lle facilite toda a información ao respecto por tratarse de feitos moi graves os que están a acontecer nesta concellería. “Foi totalmente desmantelada e paralizada nos últimos anos por Jácome e o sr. Lorenzo, da que dependen asuntos chaves para a cidade como o futuro do PXOM ou o PEPOU, entre outros, e cuxo mal funcionamento derivado da súa irresponsabilidade política e escuros intereses están a ocasionar grandes prexuízos para os traballadores e traballadoras e para a propia cidadanía”, advirte a tamén secretaria xeral do PSdeG en Ourense.

O BNG tamén alerta sobre posibles irregularidades

Dende o BNG, o portavoz municipal no Concello de Ourense, Luis Seara, denunciaba este sábado que “estase procedendo a unha nova reorganización dentro da propia Concellería dos postos de traballo e o que resulta moito máis sorprendente, estase cambiando o mobiliario existente cando o certo é que non era nin moito menos unha necesidade”. Seara engade, “é indignante que onte mesmo no Pleno, a Concelleira de Servizos Sociais argumentase non ter cartos para manter os programas de conciliación nos Centros Cívicos e pola contra, gasten centos de miles de euros en cambiar mobiliario que se atopa en perfecto estado de uso”.

Para o BNG, o máis grave de todo o que está acontecendo é que, segundo Luís Seara, “os traballos desta fin de semana en Urbanismo lévaos a cabo unha empresa privada, a cal está a retirar o mobiliario existente e substituíndoo polo novo, movendo milleiros de documentos e expedientes, moitos deles con información moi sensible pois falamos de disciplina urbanística, tramitación de subvencións, expedientes de infraccións, etc... sen a supervisión de ningún funcionario, recaendo a perda ou o visionado de calquera documento nos propios técnicos municipais, que son os que teñen a garda e custodia de cada expediente”.

Parécenos moi grave e esixiremos explicacións sobre a que obedece esta nova reorganización da Concellería, a que obedece o cambio de mobiliario e por qué motivo non se está a custodiar toda a documentación alí almacenada que reiteramos, é altamente sensible e que persoal alleo ao Concello está movendo dun lado a outro, e por último, saber quen se vai facer responsable en caso de que desapareza algún expediente”.

Desde hai meses, o Grupo municipal do BNG ven alertando do caos, cada vez maior, que existe a nivel interno no Concello de Ourense. Un caos organizativo sen precedentes que inflúe significativamente na ralentización e na parálise que vive actualmente a administración local pero que nin moito menos “é culpa das e dos traballadores que fan o que boamente poden dentro do descontrol absoluto no que Jácome ten sumido o Concello”.

O que leva tempo acontecendo na sede de Urbanismo, tamén ten sido amplamente denunciado polo BNG, que sen embargo, acende agora todas as alarmas diante dos cambios que se están levando a cabo na sede desta Concellería ao longo do presente fin de semana.

0.18839597702026