O BNG esixe que se cubran as catro prazas de pediatría do Centro de Saúde Valle Inclán de Ourense

OurenseXa
Desde a formación nacionalista denuncian que nas últimas semanas soamente dúas das catro prazas de pediatría están cubertas, unha cuberta con persoal de medicina xeral e outra está directamente sen cubrir
noa-presas-bng
Noa Presas, deputada do BNG no Parlamento de Galicia
7 Maio 2024

O Centro de Saúde de Valle Inclán, no centro de Ourense, presenta nas últimas semanas, segundo denuncia o BNG, problemas derivados da falta de cobertura suficiente do servizo de pediatría sen que as súas profesionais sexan debidamente substituídas.

Para a deputada nacionalista Noa Presas, “esta situación débese á falta de planificación dos gobernos do Partido Popular, que nin planificaron os relevos xeracionais das e dos profesionais, nin tampouco crean condicións de traballo atractivas para sermos destinos atractivos para a escolla das e dos profesionais, algo que ademais en Ourense acontece con intensidade, como amosa a falta de capacidade de atraer persoal MIR e ou o rexeitamento a quedar dun volume importante”.

Presas lembra que “Galiza é o penúltimo territorio do Estado en investimento en Atención Primaria, só por detrás de Madrid, co 11,8% fronte á unha media do 14,2%” e engade, “somos das últimas en gasto por habitante, sexta pola cola, das últimas en gasto en persoal sanitario, cuarta pola cola e en porcentaxe de orzamento sanitario respecto ao PIB, sétima pola cola. O recorte entre 2009 e 2024 en atención primaria é de 2.193.390.705 euros menos” conclúe.

No caso concreto do Centro de Saúde de Valle Inclán, Presas sinala que, “nas últimas semanas soamente dúas das catro prazas de pediatría están cubertas, unha está cuberta con persoal de medicina xeral e outra está directamente sen cubrir. Esta situación deriva en demoras nas citas e que moitos pais e nais estean a ser derivados a profesionais que non teñen a especialidade de pediatría”.

Desde BNG solicitan a cobertura inmediata das catro prazas de pediatría e unha “estratexia específica para atraer persoal sanitario a Área Sanitaria de Ourense”, ao tempo recorda que, “á situación do Centro de Saúde Valle Inclán, súmase a do barrio da Ponte e doutros centros da Área Sanitaria e ante a que o Goberno galego debe reaccionar”.

“Estamos a falar dun dereito para os nenos e as nenas e estamos a falar dunha das zonas máis poboadas e dun centro, o de Valle Inclán, que por riba atende a nenos e nenas que non teñen pediatra no seu concello, como é o caso do Pereiro de Aguiar pese á elevada poboación infantil alí censada”.

0.074273109436035