O BNG esixirá ao Concello de Ourense que recupere o transporte público nos barrios que quedaron sen servizo

OurenseXa
Os nacionalistas levarán a pleno unha moción para solicitar ao executivo de Pérez Jácome que solucione os problemas derivados do novo mapa de transporte en barrios como Peliquín
Rhut Reza, Xosé Manuel Puga, Luís Seara e Erea Blanco
Rhut Reza, Xosé Manuel Puga, Luís Seara e Erea Blanco
29 Oct 2025

O grupo municipal do BNG no Concello de Ourense levará ao próximo pleno de novembro unha moción para instar ao executivo de Gonzalo Pérez Jácome a que devolva o servizo de transporte público aos barrios que se quedaron sen conexión tras a modificación do mapa de transporte introducida polo Concello o pasado 16 de setembro.

Trátase, insisten os nacionalistas, dun dos servizos municipais máis esenciais e do que ten maior impacto a nivel de barrio. Tras os cambios introducidos polo Goberno municipal, o servizo pasou de 33 liñas a 16 co obxectivo, segundo o propio Executivo local, de optimizar e mellorar a xestión dos recursos, axustar horarios para acabar cos retrasos e conectar aquelas zonas e centros de interese que ata entón permanecían illados.

Desde a posta en marcha do novo mapa, explican, “mantivemos unha actitude crítica, pero ao mesmo tempo prudente. Expresamos o noso desexo de que esta proposta mellorase o que xa existía, pero mostramos o noso escepticismo e anticipamos o que ía suceder”.

Sen embargo, para o BNG, “desde o primeiro día foi evidente que o novo modelo profundaba os problemas que pretendía solucionar, é dicir, agravaba o incumprimento de horarios e o exceso de capacidade debido á falta de vehículos, ademais de que algunhas das rutas establecidas provocan, pola súa lonxitude, que os condutores excedan o tempo máximo de condución permitido, fixado en nove horas”.

O portavoz nacionalista no Concello, Luís Seara, insiste en que “desde aquel 16 de setembro, a incerteza xerada no barrio, a falta de diálogo coa veciñanza, a falta de información, a inexistencia de informes técnicos que avalasen a proposta, os continuos cambios antes e despois da súa entrada en vigor, xunto co feito de que non se realizase unha proba previa para detectar posibles fallos e, por conseguinte, facer os axustes necesarios, situáronnos no peor escenario posible”. Por iso, di, “á vista dos feitos, podemos afirmar con certeza que a proposta inicial do alcalde foi un fracaso absoluto”.

A situación, afirma, “ten un único responsable: o actual concelleiro Gonzalo Pérez Jácome, quen asumiu persoalmente as modificacións e insistiu en cambiar todo o trazado cando, na nosa opinión, o único que tiña que facer eran axustes e correccións ao trazado actual”.

Outra das principais demandas, como sinala o BNG, “ten que ver con que, co novo mapa de liñas, hai barrios e núcleos de poboación do Concello que se quedaron directamente sen servizo”. O exemplo máis claro e evidente, explican, é o de Peliquín.

Pero para os nacionalistas, o problema non reside só nos cambios realizados polo equipo de goberno do alcalde, senón que tamén está ligado á xestión da comunicación durante todo este proceso. Neste senso, denuncian “a incerteza de non coñecer os cambios ata poucas horas antes de que se producisen” e, sobre todo, “o feito de que a información non aparecese nos canais oficiais do Concello de Ourense, como debería ser obrigatorio”.

Desde o BNG denuncian que, unha vez máis, o alcalde utilizou as súas redes sociais persoais para anunciar as novas modificacións dos autobuses, que se repeteron durante semanas, obrigando aos usuarios a entrar no seu perfil persoal para estar informados. Isto, denuncian, “demostra unha total e absoluta falta de respecto e unha nula capacidade de xestión, sen falar da patrimonialización que pretende realizar o propio Concello por parte de quen actualmente exerce as funcións de alcalde”.

Por todo o anterior, o BNG solicitará o apoio do resto dos membros da Corporación para “instar ao Goberno Local do Concello de Ourense a que preste un servizo de transporte público colectivo para os pasaxeiros daqueles barrios e núcleos de poboación que, como consecuencia dos cambios introducidos o 16 de setembro, o perderon, é dicir, en Peliquín”. Así mesmo, solicitarán ao Concello o uso dos canais institucionais e das redes sociais do Concello como canles de comunicación oficiais “para garantir o acceso libre e universal á información por parte do público”.

Por último, a moción propón “instar ao Goberno Local do Concello de Ourense a que convoque urxentemente unha reunión de traballo á que sexan convocados os portavoces dos grupos municipais, representantes dos grupos veciñais e representantes dos traballadores de servizos co obxectivo de avaliar a situación actual e acordar novas medidas correctivas, se fose necesario”.

⚙ Configurar cookies
0.076128005981445