O BNG insta á Xunta a executar os traballos de soterramento da Avenida Otero Pedrayo

O soterramento da Avda Otero Pedrayo é unha vella reivindicación xa non soamente do BNG senón “da cidade” como se ten manifestado en múltiples ocasións ao longo destes anos nos que numerosos colectivos e axentes sociais veñen reclamando a necesidade de abordar o soterramento, algo que tamén foi demandado pola práctica totalidade das Organizacións políticas con representación no Concello, agás o PP que, segundo sinala o deputado por Ourense Iago Tabarés, “durante os moitos anos transcorridos evidenciou unha posición variable, entre o desinterese, o obstrucionismo e a falla de compromiso cos proxectos transformadores de Ourense”.
Tabarés insiste na necesidade de executar unha obra que “por si soa, melloraría considerablemente a seguridade viaria nunha zona de importante transito peonil e pola que circulan diariamente unha media de 14.000 vehículos ao estarmos falando dunha das principais vías de entrada e saída da cidade”.
Tabarés lembra que “a falla de compromiso do PP con Ourense exemplifícao ben a reforma realizada pola Xunta no seu día nesta Avda, na que investindo máis dun 1,7 millóns de euros, limitouse á construción de dúas rotondas, á instalación de semáforos e a mellora da iluminación” e engade, “unha intervención, cualificada por persoas próximas ao Partido Popular de reformita low cost, que de facto implicou a renuncia a un proxecto transformador, de integración e cohesión da cidade e que preparaba Ourense para a futura chegada do AVE á cidade”.
O BNG engade ademais que a anunciada construción no barrio das Lagoas dun edificio administrativo destinado a albergar a totalidade das dependencias da Xunta na cidade de Ourense, “implicará a necesaria reordenación e acondicionamento do espazo ao tempo que a súa eventual entrada en funcionamento suporá un incremento do tránsito e circulación, viaria e peonil pola zona, polo que razóns de seguridade, ademais das xa expostas, fan que sexa un momento acaido para abordar un proxecto tan transformador para cidade e tan demandado pola cidadanía de Ourense”.
Iago Tabarés adianta que “instaremos, unha vez máis, á Xunta de Galiza a impulsar, xunto ao Concello de Ourense, o soterramento da Avenida Otero Pedrayo no treito comprendido entre a intersección coa avenida Rodríguez Castelao e a confluencia coas rúas Iglesias Alvariño, Torres, Rabaza e do Trebo”.