O BNG levará a Europa as eivas no transporte comarcal de Ourense
Ao carón do intercambiador ubicado nas traseiras da Alameda do Concello, o BNG denunciou esta mañá as eivas e os incumprimentos constantes tanto da Xunta de Galiza como do Goberno do Estado no relativo ao sistema público de transporte e nomeadamente o da comarca de Ourense.
O candidato ás eleccións europeas, o ourensán Artai Gavilanes estivo acompañado esta mañá por Concelleiros e Concelleiras dos diferentes Concellos da comarca así como pola deputada Noa Presas e o deputado Iago Tabarés. Gavilanes destacou que “Galiza e nomeadamente Ourense sofre un desmantelamento dos servizos públicos de transporte colectivo. O abandono da Xunta de Galiza para coa cidade e a comarca de Ourense é máis que evidente pois seguimos sen contar a día de hoxe cun transporte metropolitano que conecte aos Concellos da comarca entre si e coa cidade”.
Artai fixo especial fincapé na situación na que se atopan os Polígonos industriais de San Cibrao e O Pereiro, “falamos de puntos de especial importancia que unidos ao Campus universitario ou a estación intermodal, supoñen un movemento de persoas moi elevado”, e engade, “temos a día de hoxe en Ourense un sistema de transporte obsoleto e que non satisfai as necesidades da poboación”.
Importancia das políticas europeas.
O candidato do BNG vinculou esta situación ás políticas que se levan a cabo no ámbito europeo e que tamén teñen especial incidencia no deseño e na xestión do transporte. Segundo Artai, “as políticas que se practican tanto na UE como no Estado acrecentan o papel de periferia crecente que sofre Galiza en troques de impulsar e vertebrar o nosos territorio”.
Gavilanes animou á veciñanza a participar das eleccións previstas para o vindeiro domingo, nove de xuño xa que “é importante que contemos cunha voz propia en Europa, con Ana Miranda á fronte para que siga denunciando as prácticas caciquís e monopolísticas coas que se fan os Plans de transporte da Xunta de Galiza e Monbús, para reivindicar que se aposte por un transporte público que exerza a intermodalidade real e o coidado polo medio ambiente”.
Gavilanes rematou afirmando que “o BNG defenderá que Galiza poida aplicar directamente os fondos europeos que lle afectan no seu ámbito territorial así como tamén aqueles destinados á Eurorexión Galiza – Norte de Portugal”.