O BNG pide introducir un sistema de abonos para a piscina termal de As Burgas con prezos reducidos para os ourensáns

O grupo municipal do BNG presentou unha batería de emendas á ordenanza reguladora do servizo e dos prezos públicos da piscina termal de As Burgas co obxectivo de introducir un sistema de abonos que, respectando a legalidade vixente, beneficie de forma prioritaria ás veciñas e veciños de Ourense fronte ás tarifas anunciadas polo Concello, que levantaron numerosas queixas.
O portavoz nacionalista, Luís Seara, amosa as súas dúbidas sobre a proposta do Goberno local e advertiu de que “moito nos tememos que detrás desta proposta o que hai é exclusivamente un intento de dilatar a apertura da piscina” para, ao seu xuízo, xustificar unha futura privatización do complexo termal. Para os nacionalistas non é axeitado “que todas as persoas, independentemente de estar empadroadas ou non, teñan que pagar a mesma cantidade”, aínda que recoñece que a xurisprudencia impide establecer diferenzas directas por empadroamento.
Entre as emendas rexistradas, o BNG propón excluír expresamente da ordenanza calquera referencia a un posible uso dos pisos turísticos da contorna, lembrando que xa en 2023 formularon a súa utilización como vivendas de emerxencia para vítimas de violencia machista. Así mesmo, a formación nacionalista aposta de forma clara pola xestión pública e directa do servizo e reclama ao Goberno municipal a creación dun Consorcio Termal que permita coordinar e cofinanciar os proxectos presentes e futuros.
No relativo aos prezos, o BNG critica que a ordenanza só contemple un abono mensual de 25 euros e propón a creación dun abono anual en función da renda. Segundo explicou Seara, este sistema permitiría que persoas con ingresos baixos non paguen nada e que o resto abonen cantidades simbólicas, “cun máximo duns 2,5 euros ao mes”, o que, asegura, facilitaría de facto o acceso gratuíto á piscina para boa parte da cidadanía.
A proposta inclúe tamén a posibilidade de establecer bonificacións para distintos colectivos, especialmente entidades do terceiro sector, tendo en conta os beneficios terapéuticos e de benestar asociados ao uso da piscina termal.
As modalidades de abono anual propostas van desde a gratuidade total para persoas con ingresos inferiores aos 10.088 euros anuais ata un máximo de 30 euros ao ano para quen supere os 20.000 euros de renda.