O BNG pide que sexa o propio Jácome o que pague o custo pola nova sentencia de acoso que condena ao Concello

OurenseXa
Consideran que “non é de recibo que sexa a veciñanza no seu conxunto e a través das arcas municipais quen teñan que sufragar os seus excesos” e lembra que esta é a terceira sentencia por acoso que paga o Concello
Luis-seara-bng-ourense
Luis Seara
19 Mar 2025

Coñecida unha nova sentencia por acoso en contra do Concello de Ourense e, máis concretamente, do alcalde Gonzalo Pérez Jácome, nesta ocasión por acosar á persoa que ostentaba as competencias da xefatura do negociado de Comercio, desde o Grupo municipal do BNG sinalan que “estamos diante dunha sentenza contundente que revela, ao igual que as anteriores, cal é o proceder e o comportamento de quen exerce a máxima autoridade do Concello”.

Para o portavoz dos nacionalistas, Luís Seara, “Jácome aproveitase da súa posición de poder á fronte do Concello para, cual abusón de patio de colexio, menoscabar, insultar e acosar ás e aos traballadores municipais que non son funcionais aos seus intereses”.

No BNG lembran que esta non é a primeira sentenza por acoso á que ten que facer fronte o Concello de Ourense, pois “xa temos enriba da mesa as sentenzas á Intendente-xefa da Policía Local e ao Interventor municipal, sentenzas que, ao igual que esta, levan aparelladas cuantiosas cantidades económicas en concepto de indemnización, que teremos que pagar entre todas e todos”.

A formación nacionalista insiste na súa idea de que “sexa o propio Jácome quen pague, do seu propio peto, as cantidades fixadas polos tribunais. Xa non é de recibo que sexa a veciñanza no seu conxunto e as arcas municipais as que teñan que sufragar os seus excesos”.

Para Luís Seara, “esta sentenza, ao igual que as anteriores, revela o clima de traballo instalado no Concello desde a chegada de Jácome á alcaldía. Seis anos nos que se disparou a conflitividade laboral e as baixas”, e engade, “tampouco podemos esquecer os continuos deprezos públicos aos que somete ás e aos traballadores municipais, deixándoos nunha posición de vulnerabilidade diante da veciñanza”.

Por último, Luís Seara mira de esguello ao PP para lembrarlle que “foron eles os que auparon a Jácome á alcaldía en 2019 e en 2023. Son eles os que continuamente lle dan osíxeno para que poida seguir gobernando e son eles os que, pola mañá, maniféstanse ao carón das e dos traballadores dándolles ánimos e palmadiñas nas costas e, polas tardes, negocian o xeito de volver a entrar no Goberno Local”.

⚙ Configurar cookies
0.10289406776428