O BNG pide solucións ante a falta de prazas no IES Otero Pedrayo
O BNG, a través do Grupo Parlamentar no Pazo do Hórreo, ven de pedirlle á Xunta de Galiza solucións ante a falta de prazas no IES Otero Pedrayo, “valorando mesmo a creación dunha aula máis que permita paliar a insuficiencia de prazas para cubrir a demanda do alumnado saínte de primaria do CEIP Irmáns Villar e do cal o IES é centro de referencia”.
A deputada nacionalista Noa Presas lembra que “a ANPA do CEIP Plurilingüe Irmáns Villar vén de denunciar publicamente que, malia ter advertido en reiteradas ocasións á Xefatura Territorial de Educación de Ourense, máis dunha ducia de alumnos e alumnas que terían que iniciar a súa etapa educativa de Educación Secundaria Obrigatoria no IES Otero Pedrayo, non contan inicialmente con praza debido ao insuficiente número ofertado no centro de referencia”.
Conforme sinalan os pais e nais continúa Noa Presas, “de cara ao vindeiro curso escolar 2024-2025 hai unha insuficiencia de prazas ofertadas no IES Otero Pedrayo para 1º ESO con relación á demanda do seus tres centros adscritos, que son o CEIP A Inmaculada e o CEIP Plurilingüe Amadeo Barroso, situados na zona de San Francisco e do Hospital e o CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, situado na contorna do Posío”, e engade, “a oferta é de 84 prazas para 97 solicitudes presentadas, polo que quedarían fóra trece persoas dos centros adscritos das que a maioría, até un total de once, pertencen ao CEIP Plurilingüe Irmáns Villar”.
No BNG teñen claro que “esta situación obedece á falta de planificación da Xunta de Galiza, que non tivo en conta a previsión con base aos datos demográficos e de ocupación dos centros adscritos ao centro de secundaria. A maior abastanza, hai que sinalar que o CEIP que maioritariamente está afectado atópase situado moi preto do IES, polo que loxicamente as e os nenos afectados viven na contorna máis inmediata do centro”.
Segundo sinalan desde a formación nacionalista, “é preciso que a Xunta de Galiza, reaccione co obxectivo de evitar que nenos e nenas sexan separados da súa contorna para facer os catro cursos de secundaria co que isto implica tanto desde o punto de vista emocional e de ruptura coa contorna así como de dificultades de conciliación para as familias”.
“É obriga da Xunta de Galiza estudar as diferentes posibilidades, incluída a ampliación da oferta educativa no propio IES e a conseguinte redución da ratio, que redundaría tamén positivamente no conxunto da comunidade, ao tempo, a Xunta de Galiza debe dar explicacións de por qué, tras manter até tres reunións coa representación do CEIP Plurilingüe Irmáns Villar non se presentou ningunha solución máis alá de agardar que non se formalicen todas as solicitudes de admisión presentadas”.
Presas é contundente ao afirmar que “non pode deixarse a planificación educativa e o cumprimento do dereito a unha escolarización obrigatoria próxima ao domicilio ao azar. O Goberno galego ten a obriga de garantir unha oferta suficiente sen obrigar a desprazamentos abusivos simplemente por aforrar a contratación de máis profesorado”.