O BNG reclama unha Ordenanza municipal para a regulación das entidades de certificación municipal

OurenseXa
Desde o Grupo municipal nacionalista entenden que a xestión das actuacións destas entidades, reguladas por Lei desde o ano 2013 e a súa relación co Concello de Ourense “debe estar amparada por unha Ordenanza e non por unha mera instrucción interna na que ademais non se especifican aspectos a ter moi en conta”
Xosé Manuel Puga, Concelleiro do BNG no Concello de Ourense
Xosé Manuel Puga, Concelleiro do BNG no Concello de Ourense
11 Abr 2024

Logo de que o Concello de Ourense anunciase o establecemento do procedemento para a actuación das entidades de certificación municipal na Concellería de Urbanismo, desde o Grupo municipal do BNG entenden que “ditas actuacións deben estar reguladas a través dunha Ordenanza municipal e non baixo o amparo dunha instrucción interna”.

O Concelleiro do BNG Xosé Manuel Puga, lémbralle ao Goberno Local que “as entidades de certificación municipal existen por lei desde o ano 2013, concretamente a través da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galiza polo que cabería preguntarse o porqué na tardanza da súa implementación xa que DO leva preto de cinco anos gobernando”.

Para o Grupo municipal do BNG, “é preciso a redacción dunha Ordenanza municipal que ampare a súa implementación xa que nas instruccións ditadas polo Concello non aparecen cuestións que desde logo son de relevancia e que deberan quedar cubertas e clarificadas, algo que entendemos, acontecería cunha Ordenanza”.

Xosé Manuel Puga fai referencia “á necesidade de coñecer cal vai ser a taxa que vai ter que pagar a veciñanza cando faga uso das eccom, así como a necesidade de que a nivel municipal exista un rexistro no que figuren todas aquelas entidades que pasarán a ser colaboradoras do Concello”.

Igualmente e tal e como se establece na lei 9/2013, cómpre delimitar cales van ser os cometidos e até onde van chegar as competencias das eccom en relación cos traballos que realicen xa que en todo caso, a quen lle corresponde en última instancia o control e a supervisión das actuacións é a administración”.

No BNG entenden que todas estas cuestións deben quedar perfectamente “recollidas nunha Ordenanza municipal polo que pedímoslle ao Goberno Local que se poña a traballar nela á maior brevidade, desde o BNG, estamos dispostos a colaborar no que sexa preciso para que sexa unha realidade canto antes pois compartimos a necesidade de axilizar trámites administrativos mais entendemos que cunha instrucción que mesmo pode xerar certa inseguridade xurídica pódese conquerir o efecto contrario”.

0.19752597808838