O BNG sinala a Jácome como único responsable do bloqueo da Praza de Abastos de Ourense

O BNG de Ourense insiste na necesidade de que as praceiras e praceiros volvan ao edificio da Praza de Abastos e abandonen “canto antes” o espazo que ocupan actualmente na Alameda, pero demandan que dito traslado se faga con todas as garantías e “en condicións que lles permitan traballar”.
O voceiro municipal, Luís Seara, acudiu á Xunta de Portavoces convocada polo Alcalde esta mañá para abordar a situación na que se atopa o conflito, logo de anunciar o Concello a súa intención de que iniciar os trámites para o desafiuzamento dos comerciantes da Alameda.
“Nós queremos que o espazo da Alameda quede liberado canto antes, se pode ser mañá mellor ca que sexa pasado, agora ben, entendemos que as praceiras e praceiros teñen que mudarse ao edificio rehabilitado nunhas condicións que lles permitan seguir desenvolvendo a súa actividade profesional”, lembrou Seara, que advertiu de que o edificio da Praza de Abastos “quedou moi bonito desde o punto de vista estético pero a día de hoxe non é funcional e ten carencias importantes que cómpre solventar pois son as que permitirán desenvolver con normalidade a actividade comercial”.
Seara denuncia que hai “286 postos de traballo cos que non se pode xogar”, e pide ao Concello que non banalice a situación . A Formación nacionalista valora positivamente a proposta trasladada polas propias praceiras e praceiros, a Xunta de Galiza e a Deputación “estanlle ofrecendo ao Concello unha proposta que ao noso entender é difícil de rexeitar mais en todo caso, o Alcalde é o único responsable de que a día de hoxe sigan ocupando a Alameda e será o único responsable de que esta situación se enquiste aínda máis”.
Para os nacionalistas, a actitude do Goberno municipal responde “ás pretensións do alcalde de mudar o modelo actual da Praza e transformalo nun modelo similar ao empregado na Praza da Ponte, na que un único empresario, seguramente próximo a el, se faga cargo do edificio”. Neste punto Luís Seara insiste, “nós concordamos e defendemos o modelo actual que ademais de ser exitoso supón un polo de atracción turística como se pode aprezar claramente noutras cidades e insistimos en que estamos a falar de preto de 300 postos de traballo que non podemos menosprezar”.
Os nacionalistas reiteran a súa pretensión de que o traslado se faga “canto antes pero en condicións dignas”. Se Jácome quere mudar o modelo e rescindir a concesión, que o faga, ten capacidade para facelo a través da Xunta de Goberno local, pero que o faga asumindo todas as consecuencias que esa decisión poda ter”, remata o vociero.