O BNG solicita a convocatoria urxente do Consello Escolar Municipal ante a situación do CEIP Irmáns Villar

OurenseXa
Os nacionalistas urgen ao Concello de Ourense a mover ficha ante a insuficiencia de prazas para cubrir a demanda do alumnado saínte de primaria do CEIP Irmáns Villar no IES Otero Pedrayo
Manifestación do CEIP Irmáns Villar
30 Maio 2024

O  pasado 30 de abril, o Grupo parlamentar do BNG no Pazo do Hórreo e máis concretamente a través da deputada Noa Presas rexistraba unha iniciativa encamiñada a demandar da Xunta de Galiza “solucións ante a falta de prazas no IES Otero Pedrayo, valorando mesmo a creación dunha aula máis que permita paliar a insuficiencia de prazas para cubrir a demanda do alumnado saínte de primaria do CEIP Irmáns Villar e do cal o IES é centro de referencia”. Agora, desde o Grupo municipal do BNG ínstase ao Concello de Ourense a que tamén mova ficha.

Faino coa solicitude, rexistrada esta mesma mañá, da convocatoria urxente do Consello Escolar Municipal de Ourense xa que como ben sinala a Concelleira Erea Blanco, “o artigo III do Regulamento do Consello Escolar Municipal, relativo ás funcións do Consello, estabelece “o carácter de organismo participativo na planificación e intervención educativa non universitaria, realizarase por medio dás funcións que lIe son propias ó Consello Escolar Municipal de Ourense: asesoramento, consulta, propostas e información nas cuestións seguintes, como marca o artigo 27 do Decreto 44/1988” e, concretamente no apartado i) estabelece que abordará “calquera outro asunto que pola súa importancia para a vida escolar do Concello lle sexa consultado”.

Desde o grupo municipal do BNG argumentan que “é preciso que a Xunta de Galiza, de forma urxente e dilixente, revise a situación xerada co obxectivo de evitar que nenos e nenas sexan separados da súa contorna para facer os catro cursos de secundaria lonxe dos seus fogares, co que isto implica tanto do punto de vista emocional e de ruptura coa contorna como de dificultades de conciliación para as familias”, e engade, “diante desta situación o Concello non pode permanecer calado”.

Por este motivo é polo que, tal e como afirma Erea blanco, “solicitamos a convocatoria urxente do Consello Escolar Municipal co obxecto de abordar a situación derivada de que máis dunha ducia de alumnos e alumnas do CEIP Plurilingüe Irmáns Villar que terían que iniciar a súa etapa educativa da ESO no IES Otero Pedrayo o vindeiro curso, non contan inicialmente con praza debido ao insuficiente número ofertado no seu Centro de referencia, provocando un enorme prexuízo ao alumnado afectado e as súas familias”

0.12976598739624