O BNG urxe á actuación inmediata para deter a hemorraxia epizoótica na provincia de Ourense

Ourense é o territorio onde se están producindo máis contaxios, cunha subida importante nos útlimos días
Sonia Vidal e Bernardo Varela
7 Ago 2024

Sonia Vidal, portavoz de Agricultura e Gandaría do Bloque Nacionalista Galego, denunciou hoxe en Ourense a situación que está a vivir o sector bovino a consecuencia da hemorraxia epizoótica, alertando do aumento de casos a causa das altas temperaturas. O BNG xa leva alertando estes últimos meses das consecuencias que esta enfermidade ía a ter chegado o verán.

Ourense é o territorio onde se están producindo máis contaxios, cunha subida importante nos útlimos días. O pasado venres estaban notificados uns 200 animais infectados e 20 mortes, dende ese día só na comarca Allariz-Maceda e en parte do Macizo central, comunicáronse un centenar de casos e polo menos unha morte máis.

“Esiximos á Xunta de Galiza que active un plan de acción preventivo e de detección da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) e que solucione a falta de medicamentos e veterinarios” demandou a deputada Sonia Vidal, reclamando que se poñan a traballar xa dada a urxencia da situación.

O BNG vén de rexistrar no Parlmento Galego novamente outra iniciativa para o novo período na que se esixe unha partida orzamentaria para indemnizar os casos de EHE. Unha partida real que non só se destine para ás mortes, senón para a medicación, consultas veterinarias, análise de sangue e tratamentos que, en moitos casos, ascende a cifras pouco asumibles nas pequenas explotacións.

A formación nacionalista tamén instou á Deputación de Ourense que poña a disposición dos gandeiros e gandeiras todos os veterinarios públicos, para poder detectar e tratar todos os casos.

Sonia Vidal insta a actuar xa e denuncia que o Partido Popular faga oídos xordos e sexa impasible ante está situación que considera “de extrema gravidade”.

0.079522132873535