O Bolo acolle un curso de poda de castiñeiros

OurenseXa
A sesión formativa levouse a cabo no souto de Tuxe, un dos sete que forman parte do Plan Piloto de Fomento da Xestión Conxunta de Soutos
curso_poda_OBolo
Curso de poda de castiñeiros no Bolo
21 Feb 2024

A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, vén de desenvolver un curso de poda en castiñeiros impulsado no marco do Plan Piloto de Fomento da Xestión Conxunta de Soutos. En concreto, esta formación desenvolveuse no souto de Tuxe, localizado no concello ourensán do Bolo, que forma parte desta iniciativa.

O curso contou cunha sesión práctica con traballos en altura dirixido ao persoal da dirección xeral. O obxectivo da formación foi o de formar aos implicados no plan piloto para acometer obras de restauración nestes soutos. Entre os contidos que se abordaron atópanse a seguridade e saúde nos traballos en altura de podas de árbores, a identificación e manexo da ferramenta, a realización dos cortes ou o calendario e programación dos traballos.

Esta iniciativa formativa inclúese no Plan Piloto de Fomento da Xestión Conxunta dos Soutos, no que se seleccionaron sete en función duns criterios como son a representatividade das zonas dos soutos en Galicia, a selección dos municipios prioritarios da clasificación efectuada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, a representatividade dentro da diversidade actual dos soutos e os valores adicionais considerados para a toma de decisións.

En concreto, son obxecto desta proposta sete soutos situados nos concellos ourensáns do Bolo, con dous (Tuxe e Cambela); A Veiga e Parada de Sil; e nos concellos lucenses de Paradela, O Incio e Folgoso do Courel. En total, abranguen unha superficie de 356,38 hectáreas.

O obxecto do plan é a execución dos traballos necesarios para conseguir a recuperación do potencial forestal das superficies deterioradas por doenzas e pragas ou polo abandono do rural, de forma que se poida impulsar un novo aproveitamento económico dos soutos.

Agrupacións forestais de xestión conxunta

Os traballos deste plan piloto estanse concretando coa constitución de agrupacións forestais de xestión, ferramenta incluída na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que permitirán unha mellor organización para o aproveitamento dos soutos.

Para potenciar estas figuras, a Xunta de Galicia convocou este ano, por primeira vez, unha liña de axudas dotada con preto de 2,4 millóns de euros para o fomento e apoio ás agrupacións de xestión conxunta e ao asociacionismo forestal. O prazo para solicitar estas achegas remata o vindeiro 15 de marzo. Na liña inclúense tres eixos, un para a organización de accións de divulgación sobre as agrupacións, outro para o apoio ás asociacións sen ánimo de lucro que teñan como obxecto a comercialización conxunta de produtos forestais e outro para a creación das agrupacións forestais.

A maiores, tamén se convocou unha liña de axudas para a mellora da xestión activa das masas consolidadas de frondosas autóctonas, cun orzamento inicial de 680.000 euros, ao amparo da que se poderán solicitar achegas para os traballos silvícolas e silvopastorais nas mesmas.

0.12432098388672