O Campamento Urbano 'Cidade de Ourense' arranca a súa edición número trinta e sete
A asociación xuvenil Amencer, coa colaboración da Concellería de Xuventude do Concello de Ourense, arranca unha nova edición do Campamento Urbano "Cidade de Ourense", que se desenvolve do día 1 ao 13 de agosto. A actividade chega este ano aos 37 veráns ininterrompidos poñendo á disposición da rapazada da cidade a súa oferta de lecer.
Escolares de entre 8 a 16 anos participan no Campamento Urbano Infantil, que se desenvolverá en horario de mañá e tarde e, a partir dos 16 anos, no Campamento Urbano Xuvenil, que transcorrerá pola noitiña. A base do campamento será o colexio Salesianos. O campamento é gratuíto, e a inscrición pódese realizar por internet ou no local da asociación mentres duren as actividades. Esta nova edición conta xa con preto de 600 nenos e nenas inscritos, consolidándose como o campamento de referencia na cidade durante o verán.