O Campo de Fútbol municipal de Celanova inaugura novas instalacións
Luis Menor visitou este mércores a obra de ampliación dos vestiarios no campo de fútbol anexo de San Rosendo. “Esta dotación deportiva de herba sintética, utilizada polas escolas deportivas, verá ampliados e mellorados os seus vestiarios grazas á cooperación da Deputación”, recalcou o presidente provincial. De feito a Deputación aportou o 100% do importe desta obra, cifrada en 47.855,50 euros e consignada a través do Plan de Cooperación CooperOU.
Visita á casa natal de Curros Enríquez
A xornada de traballo en Celanova, -na que Menor estivo acompañado polo alcalde do municipio e presidente da fundación, Antonio Puga, así como por membros da Corporación-, culminou cunha visita á casa natal de Curros Enríquez e sede da fundación que leva o seu nome.
Luis Menor lembrou que a Deputación, como membro do Padroado da mesma, colabora activamente cos gastos de funcionamento desta entidade, “que ten como obxecto a promoción e difusión do coñecemento da vida e obra de Manuel Curros Enríquez, así coma dos outros escritores relacionados con Celanova”. A Fundación Curros Enríquez recibe máis de 6.000 visitas ao ano e 10.000 atendidas fóra nas actividades que organizan, ademais da visita de máis de 50 centros educativos ao ano de toda Galicia