O campus acolle este domingo o evento Games Series Ourense 2025

As pistas de atletismo do campus de Ourense serán o escenario este domingo, 8 de xuño, do evento Games Series Ourense 2025. Nesta competición, na que están inscritas unhas 200 persoas, combínanse 4 km de carreira con nove probas físicas intercaladas, formando unha carreira de fitness ao aire libre.
A iniciativa está organizada pola entidade Deporte Híbrido xunto co colectivo Hércules, e conta co apoio da Vicerreitoría do campus, a Xunta de Galicia, a Deputación e o Concello de Ourense. A presentación do evento tivo lugar este xoves nas pistas universitarias, con presenza do vicerreitor Francisco Javier Rodríguez, o concelleiro de Deportes Aníbal Pereira e varios membros da organización.
Games Series Ourense 2025 ten como obxectivo impulsar esta modalidade deportiva, que está a consolidarse a nivel mundial e que promove valores relacionados coa saúde e o deporte. A competición está aberta para participantes a partir de 16 anos, que poden competir de forma individual ou en parellas (masculinas, femininas ou mixtas). Esta proba forma parte do circuíto Games Series 2025, que se celebra nas principais cidades de Galicia.
A carreira dará comezo ás 9:00 horas cun percorrido inicial de 400 metros, seguido da primeira das nove estacións de exercicio físico. Esta alternancia de carreiras e probas continuará ata completar as nove estacións, finalizando cunha última carreira de 400 metros para completar os 4 km totais. As estacións inclúen remo, subidas ao caixón, porteo dun balón de 30 quilos, paseo do granxeiro con garrafas, abdominales con balón, zancadas co saco de 20 quilos, reptadas, volteo de roda e burpees con salto.