O campus presenta unha nova edición do seu programa de rutas culturais

OurenseXa
Haberá catro percorridos ata decembro, abertos á comunidade universitaria e ao público en xeral
Rutas_Culturais_UVigo
17 Oct 2025

A Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo retoma este cuadrimestre o seu programa de rutas culturais, unha proposta que, segundo destacan desde a institución, “combina actividade física, saúde e descubrimento e posta en valor do patrimonio natural e cultural de Galicia”. Nesta edición celebraranse catro andainas, abertas tanto á comunidade universitaria como á cidadanía, que se desenvolverán ata finais de ano.

A programación foi presentada polo vicerreitor do campus de Ourense, Francisco Javier Rodríguez, xunto con Rodrigo Alberte, técnico da Área de Benestar, Saúde e Deporte; Antonio Vázquez, da cooperativa Xeitura; e Lalo Gómez, coordinador de Actividades de +Deporte de La Región. Rodríguez salientou que esta iniciativa responde ao “firme compromiso da Universidade coa promoción da saúde, a cultura e a identidade territorial”, e busca “fortalecer o vínculo coa contorna e poñer en valor os elementos que nos unen como comunidade”.

As rutas, organizadas en colaboración coa cooperativa Xeitura e coa comunidade Muvers da UVigo, terán unha dificultade media e percorridos comprendidos entre os quince e os vinte quilómetros. A primeira delas celebrarase o 25 de outubro polos muíños do río Loña, no Pereiro de Aguiar, nunha homenaxe ao falecido José García-Calvo “Willy”, histórico promotor dos roteiros universitarios. O 8 de novembro será a quenda do val do Bibei, co seu santuario das Ermidas e o castelo de O Bolo, nun itinerario que combina paisaxe, botánica e xeoloxía. A terceira cita terá lugar o 29 de novembro cun percorrido por Rianxo e o río Té, que servirá tamén de lembranza a Castelao. Finalmente, o 13 de decembro pecharase o programa coa Ruta de Marquino Largano, en Nogueira de Ramuín, que permitirá descubrir a Ribeira Sacra, visitar o mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil e rematar cun magosto popular.

A inscrición para cada unha das andainas debe realizarse a través do Campus Activo da UVigo. Inicialmente está reservada á comunidade universitaria ata o luns anterior a cada ruta, e abrirase ao público xeral se quedan prazas dispoñibles.

No curso pasado, este programa acadou unha media de cen participantes por ruta, cunha destacada presenza feminina —o 67 %— e unha ampla representación da comunidade universitaria, que supuxo o 75 %. Uns datos que, segundo os seus promotores, “amosan o éxito e o impacto social desta iniciativa que une saúde, cultura e convivencia”.

⚙ Configurar cookies
0.073884963989258