O CEIP Filomena Dato de Barbadás inaugura a súa nova biblioteca

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, asistiron hoxe á inauguración da nova biblioteca do Colexio CEIP Filomena Dato, na localidade ourensá de Barbadás. No transcurso do acto, os representantes da Xunta de Galicia felicitaron á comunidade educativa pola súa aposta por revitalizar e dinamizar este espazo, cheo de oportunidades para o alumnado do centro.
Neste sentido, lembraron que as bibliotecas escolares non son só recintos de lectura, senón lugares onde os estudantes aprenden a manexar a información ou a documentarse para traballar as diferentes materias do currículo. Ademais, cada vez son máis os centros que incorporan ás súas bibliotecas recursos como os laboratorios de radio ou ferramentas de robótica, entre outros.
O CEIP Filomena Dato vén de facer unha reforma deste espazo co obxectivo de darlle un novo pulo e incorporar novas iniciativas e actividades de xeito progresivo. Como primeiro paso, solicitaron o ingreso no Plan de mellora de bibliotecas escolares, a través do que este curso reciben un apoio de máis de 4.000 euros por parte da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP.