O CEIP Irmáns Villar maniféstase este luns para esixir solucións ante a falta de prazas no Otero Pedrayo
A ANPA do CEIP Irmáns Villar continúa as súas protestas logo de coñecerse que un total de 13 alumnos de sexto de Primaria (11 pertencentes a este centro) quedarán sen praza para o vindeiro curso no IES Otero Pedrayo.
Logo de varias xornadas de protestas que se sucederon durante as últimas semanas, para este luns está prevista unha manifestación que sairá ás 16.3o horas do CEIP Irmáns Villar e percorrerá as principais rúas da cidade para rematar ás portas do Otero Pedrayo.
Desde a ANPA consideran inadmisible que os rapaces e rapazas vaian a quedar sen prazas no seu centro de referencia para comezar os estudos de bacharelato e lembran que a situación vén motivada pola falta de previsión da Xunta de Galicia. Por iso, fan un chamamento á mobilización cidadá na xornada de luns, a fin de evitar que a situación se repita nos próximos cursos.
A manifestación chega precisamente depois de que o pasado xoves a deputada nacionalista, Noa Presas, elevase a queixa no Parlamento de Galicia. Desde a Xunta, sen embargo, non se comprometen a e a revisar o mapa escolar nin a dialogar cos tres CEIP adscritos ao Otero Pedrayo, polo que os 13 alumnos que quedaron sen prazas terán que desprazarse máis de 2 quilómetros para chegar a un novo instituto, diferente a o dos seus compañeiros e compañeiras.
O BNG defende que "as dificultades de espazo do IES non eximen á Xunta de ser responsable por non planificar" e lembra que "xa sabían da alta demanda e da falta de espazo para crear unha liña máis e miraron a outro lado".