O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolle a mostra ‘Óxido’ do artista Manolo Lanchas

OurenseXa
A mostra está conformada por traballos nos que o artista emprega elementos reciclados e reutilizados para darlles unha segunda vida
Inauguración da mostra Óxido de Manolo Lanchas
Inauguración da mostra Óxido de Manolo Lanchas
14 Feb 2025

O artista Manolo Lanchas inaugurou hoxe, ás 19,30 horas no Centro Cultural Marcos Valcárcel, a exposición de esculturas “Óxido”, coa que achega ao público a maxia das súas creacións, nacidas no seu obradoiro de O Carballiño e que ven a luz por primeira vez.
A mostra está conformada por traballos nos que o artista emprega elementos reciclados e reutilizados para darlles unha segunda vida.

O artista Miguel Mosquera fala deste traballo sinalando que “o que Manolo nos presenta é o resultado de moitos anos de calado labor. Non é una mostra espontánea senón a consecuencia dun traballo constante e serio. Os seus materiais son os apeiros de labranza, materiais industriais, chapas de coches, restos de motos, madeiras e ferros… observando e interpretando o que lle transmiten e suxiren os materiais para crear formas belas, delicadas e con movemento”.

Os visitantes poden ver un cabalo realizado a tamaño natural con crebas mariñas recicladas das praias de Caminha (Portugal), unha velutina xigante construída con ferros reciclados e depósitos de combustible de motos antigas ou un pavo real elaborado con ferraduras de cabalo.
“É un canto á imaxinación para darlle unha vida nova a pezas e ferramentas xa descartadas”, sinalan dende o Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense.

O director do centro cultural, Francisco González, sinala que “unha das misións dun centro coma este é o de sacar á luz traballos coma os de Manolo Lanchas, que levan anos descansando no seu obradoiro, que son descoñecidos para o gran público e que van a sorprender aos que se acheguen a velos”. A exposición estará dispoñible ata 9 de marzo.

0.17770099639893