O Centro Cultural Marcos Valcárcel estrea 'Incendios e silencios' de Miguel Mosquera
O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolle 'Incendios e silencios', unha mostra fotográfica de Miguel Mosquera, que pecha en Ourense este proxecto artístico no que foi percorrendo lugares simbólicos arrasados polas vagas de lume que se produciron entre os anos 20217 e 2020 e que conformaron un cambio radical na paisaxe de moitos lugares da xeografía galega.
Nesta montaxe-exposición que xa percorreu boa parte da xeografía galega e o norte de Portugal e que pecha no Marcos Valcárcel o seu itinerario vital, Miguel Mosquera non descarta ningún utensilio nin práctica que lle achegue contido expresivo ao seu relato. Tras recoller mostras da destrución, terras queimadas, restos vexetais calcinados, obxectos de manufactura humana reducidos a cinzas, marca os seus itinerarios en mapas, que se confunden co territorio e envásaas en “blísters” industriais, para expoñelos en mobles deseñados e ensamblados para a ocasión, presentación tan inesperada e contundente que non permite obviar as evidencias.
A proposta desta exposición invita a varias reflexións críticas. Por unha banda, abre a porta a repensar a nosa propia relación co medio natural, e tamén, como non podía ser doutro xeito, sobre a nosa forma de construírnos como sociedade, crecendo de costas aos nosos espazos naturais e fomentando esa ilusoria dicotomía humanidade- sociedade. Por outra banda, tamén aborda esa evidente contradición entre mundo rural e mundo urbano e pon de manifesto esa contradición endémica entre a cultura tradicional e a cultura contemporánea.