O Centro de Saúde de Pereiro de Aguiar leva catro anos sen pediatra
O PSdeG-PSOE de Ourense reclama, unha vez máis, a cobertura do servizo de pediatría no centro de saúde de Pereiro de Aguiar, que leva dende 2020 agardando a chegada dun pediatra que de cobertura aos máis de 800 cativos e cativas residentes no municipio. As e os socialistas denuncian as promesas “incumpridas” do Partido Popular neste senso e esixen solucións a falla de pediatra nun centro de saúde que conta coas instalacións necesarias para acoller dita especialidade.
As e os socialistas veñen de anunciar que presentarán unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia para a creación desta praza e a posta en marcha do servizo de pediatría en Pereiro de Aguiar. Dende o PSOE ourensán lembran que levan dende antes de 2020 reclamando a posta en marcha deste servizo, que foi prometida por Feijóo nese mesmo ano, pero que tal e como apuntan “levamos catro anos sen avances e co silencio dos gobernos galegos, primeiro con Alberto Núñez Feijóo e agora con Alfonso Rueda”.
A deputada do PSdeG-PSOE de Ourense no Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta, mantivo un encontro de traballo coa voceira socialista en Pereiro, Luisa Dosantos, para analizar a problemática que vive o municipio ante a ausencia do servizo de pediatría. A parlamentaria socialista apunta que dende o ano 2020 “foron múltiples as reivindicacións do PSOE para a posta en marcha do servizo de pediatría, nun concello con 800 cativos e cativas na súa poboación e que segue incrementando o número de habitantes”.
Tal e como explica a deputada autonómica do PSdeG-PSOE de Ourense, a situación “é critica”, posto que segundo apunta “as familias con fillos deben desprazarse ata o centro de saúde en Valle Inclán para poder recibir atención pediátrica”. Un centro de saúde que en palabras de Rodríguez Dacosta “atópase completamente saturado e que aumenta deste xeito aínda máis esa saturación”. Ante esta situación, as e os socialistas presentaran iniciativas co obxectivo de instar á Xunta de Galicia “a que cumpra a promesa de Feijóo e Pereiro de Aguiar teña dunha vez por todas ese pediatra que tanto precisa”.
Cabe lembrar que o PSOE iniciou en 2008 as reivindicacións para a construción dun novo centro de saúde, que entrou en funcionamento a finais de 2020. Tal e como apuntan, xa por entón reclamaron que se dotase de medios materiais e humanos suficientes para as necesidades de poboación, con especialidades como pediatría, fisioterapia e atención primaria, ademais do persoal necesario, dado que o existente se atopaba nunha situación precaria por falta de espazo, ocupando naquel momento parte do edificio do Concello.