O Centro de Saúde do Ponte acolleu un obradoiro sobre o tratamento de enfermidades respiratorias

O Centro de Saúde do Ponte foi o escenario dunha actividade organizada pola Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, en colaboración co persoal de enfermaría, para sensibilizar aos pacientes sobre a importancia de utilizar correctamente os inhaladores no tratamento de enfermidades respiratorias como o asma e a EPOC.
O uso adecuado dos inhaladores é fundamental para garantir a eficacia do tratamento, xa que permite que o medicamento chegue de maneira directa aos pulmóns, mellorando o control dos síntomas, reducindo as crises e evitando efectos secundarios. Para conseguir este obxectivo, é esencial que os pacientes adquirean a técnica correcta para o uso destes dispositivos.
A enfermaría xoga un papel clave neste proceso, actuando como formadores dos pacientes, resolvendo dúbidas e avaliando regularmente o uso dos inhaladores. Este papel educativo contribúe de xeito significativo a mellorar a adherencia ao tratamento e, en consecuencia, a calidade de vida dos pacientes.
Dentro deste contexto, o Centro de Saúde do Ponte, baixo a dirección da enfermeira Isabel Pereira, desenvolveu un obradoiro práctico enfocado na correcta utilización dos inhaladores. A actividade ten como obxectivo empoderar aos pacientes no manexo da súa enfermidade, promovendo a súa participación activa no coidado da súa saúde e contribuíndo a unha maior autonomía no tratamento diario.
Esta iniciativa forma parte do programa de saúde comunitaria, que busca achegar á poboación recursos e coñecementos clave para mellorar a xestión das enfermidades respiratorias e fomentar hábitos de saúde máis saudables.