O CHUO nomea a Juan José González Soler como novo Xefe de Servizo de Medicina Interna

OurenseXa
Un dos principais obxectivos que se marca o novo xefe de servizo é a creación de sinerxias cos equipos de atención primaria para mellorar a continuidade asistencial e evitar a fragmentación na atención sanitaria aos pacientes
Juan José González Soler
24 Jan 2025

A Xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras vén de nomear a Juan José González Soler, como novo Xefe de Servizo de Medicina Interna do Hospital Universitario de Ourense substituíndo a doutora María Bustillo Casado que deixa o seu cargo por motivos persoais e que continuará proximamente o seu labor asistencial na área sanitaria de Vigo.

O doutor Juan José González Soler desempeñaba ata o de agora o seu labor como FEA no propio Servizo de Medicina Interna do Hospital Universitario de Ourense, o servizo hospitalario con maior dotación de camas de hospitalización, con maior número de profesionais e que conta cun elevado volume asistencial desenvolto nas distintas unidades de hospitalización, consultas externas e Hospital de Día.

Este servizo conta ademais cunha contrastada e intensa actividade docente. Actualmente asume formación de médicos residentes da especialidade de medicina interna, de médicos doutras especialidades en formación e de alumnos de pregrao de medicina.

Nacido en Redondela (Pontevedra) en 1970 alcanzou a Licenciatura en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela. Formouse como Médico Interno Residente de Medicina Interna con capacitación en Coidados intensivos no Hospital Central Universitario San Marcos de Braga (Portugal) onde a partir do ano 2004 comezou o seu labor asistencial como facultativo adxunto especialista en Medicina Interna adscrito á Unidade de Coidados intensivos polivalentes.

Posteriormente traballou como especialista en Medicina Interna no Centro Hospitalario de tras os Montes e alto Douro de Portugal, durante unha etapa de cinco anos, traballo que compaxinou co de médico de emerxencias extra hospitalarias (INEM). En 2009 inicia a súa andaina no Servizo de Medicina Interna do Hospital Comarcal de Verín e desde 2014 continuou a súa etapa profesional no Servizo de Medicina Interna do Hospital Universitario de Ourense.

O doutor Soler foi nomeado Presidente da SOGAMI (Sociedade Galega de Medicina Interna) na etapa de 2022-24 , formando parte de súa Xunta Directiva desde 2011 e neste momento é vogal de formación. Durante esta etapa foi tamén membro da Xunta Directiva Nacional da SEMI (Sociedade Española de Medicina Interna). Foi vogal da Academia Médico Cirúrxica de Ourense e na actualidade exerce tamén como vogal de hospitais do Ilustre Colexio Oficial de Médicos de Ourense. Posúe un mestrado en xestión de Unidades Clínicas pola Universidade de Murcia, e varios títulos de experto universitario en ventilación mecánica non invasiva, título universitario no manexo cardiovascular e xestión de unidades de risco pola Universidade de Córdoba, entre outros.

Ademais, destaca pola súa gran vocación docente, investigadora e divulgativa exercendo como Coordinador de docencia e innovación do Servizo de Medicina Interna- CHUO desde Xaneiro de 2015-2021, titor de residentes de medicina interna desde 2015, de residentes doutras especialidades e colaborador docente da Universidade De Santiago de Compostela desde 2015 ata a actualidade. Asemade destaca como docente en distintos cursos e talleres en Congresos nacionais e da nosa Comunidade e participa activamente nos Comités organizadores e científicos de Congresos e reunións nacionais da especialidade sendo relator nun número importante de reunións científicas. Actualmente participa en varios grupos de traballo da Sociedade Española de Medicina Interna sendo vogal nacional en grupo de traballo de nutrición, obesidade e diabetes.

Na estrutura do CHUO formou parte de distintos Comités multidisciplinares como o de farmacia ou de docencia así como en grupos de traballo como o “Alerta Delirium”. Participou tamén en iniciativas de innovación con proxectos punteiros como o de “living Lab” dentro de Hospital 2050. Na actualidade vén de rematar a súa participación nun proxecto nacional sobre a elaboración do documento “Reflexión estratéxica da Sociedade Española de Medicina Interna 2024-2028”.

Obxectivos da nova xefatura

O Servizo de Medicina Interna do Hospital Universitario de Ourense conta con varias unidades de hospitalización espalladas por todo o centro hospitalario que atenden a un perfil de pacientes pluripatolóxicos e de idade avanzada nunha provincia como a ourensá que ten unha das maiores taxas de envellecemento a nivel nacional. Para facerse unha idea da dimensión do servizo, no pasado ano 2024 houbo un total de 7.931 ingresos hospitalarios e tamén deron resposta asistencial a preto de 12.000 pacientes en Consultas Externas.

Un dos principais obxectivos que se marca o novo xefe de servizo é a creación de sinerxias cos equipos de atención primaria para mellorar a continuidade asistencial e así evitar a fragmentación na atención sanitaria aos pacientes, dando especial importancia á cronicidade e fraxilidade. Profundar no modelo de sectorización, no que esta área foi pioneira, proxectando o aumento de consultas e profesionais, así como a optimización na utilización de Hospital de Día. Nunha poboación envellecida como o Ourensá un dos grandes retos será o de xerar políticas de envellecemento activo con promoción de saúde, xogando un papel importante na detección das situacións de vulnerabilidade no paciente ancián. Destaca que é importante “potenciar unha abordaxe de saúde integral e integradora con creación de dinámicas de traballo en equipos multidisciplinares incluíndo a outras especialidades médicas, os profesionais de enfermería, traballo social, rehabilitación ou psicoloxía entre outros”.

Ademais Juan Soler salienta a importancia dunha “planificación de novos procesos asistenciais locais coa creación de programas específicos para patoloxías prevalentes nas plantas de Hospitalización de Medicina Interna como poden ser a insuficiencia cardíaca, a enfermidade tromboembólica, risco cardiovascular, sempre en colaboración directa con atención primaria e outras especialidades hospitalarias”, ademais de seguir potenciando as estratexias de Humanización do Servizo e continuar cun contacto directo e fluído coas asociacións

0.16130208969116