O CIFP A Farixa lidera unha proposta innovadora e pioneira para aprender inglés a través da Intelixencia Artificial
A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, visitou hoxe o Centro Integrado de FP CIFP A Farixa, en Ourense, para supervisar o uso da ferramenta Vetinen (Vocational Training Innovative) de aprendizaxe de inglés con intelixencia artificial aplicada ás ensinanzas de Formación Profesional, unha proposta innovadora e pioneira no ámbito educativo a través da cal os alumnos poden recrear na aula situacións reais nese idioma a través cunha interface en 3D que lles permite interactuar con avatares en distintos escenarios que simulan patróns do día a día.
Durante a visita, a representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP comprobou de primeira man a implementación desta ferramenta avanzada, que actualmente se atopa en fase de probas para a familia profesional de Hostalaría e turismo nos sete centros integrados de FP que imparten este ciclo en Galicia: os CIFP Paseo das Pontes (A Coruña), Fraga do Eume (Pontedeume), Compostela (Santiago), Vilamarín (no concello do mesmo nome), Manuel Antonio (Vigo) e Carlos Oroza (Pontevedra).
Logo da súa avaliación nas aulas de Hostalaría e turismo, a Consellería estenderá o proxecto ao resto das 24 familias profesionais da FP que hai en Galicia co fin de garantir a práctica desta competencia lingüística deseñada para cada sector empresarial específico. Cómpre lembrar que máis de 250 docentes xa se formaron para o uso desta ferramenta pilotada polo Centro Galego da Innovación da FP, Eduardo Barreiros, en Ourense.
Situacións reais en inglés
Nesta primeira experiencia, o profesorado deseña e aplica na aula situacións personalizadas na que os alumnos manterán unha interacción fluída integramente en inglés con avatares adaptados a situacións habituais con clientes e provedores de servizos.
Isto é, por exemplo, atención aos novos clientes que chegan ao hotel para realizar o check-in; clientes xa hospedados que requiren servizos ou información concreta ou persoal de hotel que se atopa ante determinados imprevistos que hai que afrontar, xestión de reservas ou resolución de problemas, entre outros.
En todos os casos, os alumnos poderán, a través da interface en 3D, interactiva co avatar correspondente para abordar cada escena e achegar solucións, sempre en inglés, para garantir a práctica desta competencia lingüística.