O CIM de Pereiro de Aguiar fai público o seu programa de actividades para os vindeiros meses

O Centro de Información á Muller (CIM) de Pereiro de Aguiar xa ten programa de actividades para os vindeiros meses. O programa incluirá representacións teatrais, cine e actividades dirixidas á formación en igualdade.
As actividades comezarán esta mesma semana co espectáculo “Cinema de historias da man de Alice Guy” , a cargo de Raquel Queizás, no Auditorio Municipal Os Gozos. Será este venres, 7 de marzo, xornada na que tamén terá lugar a tradicional concentración polo 8M, Día Internacional da Muller, que será ás 12.00 horas na explanada do Concello, coa lectura dun manifesto a cargo da concelleira de Igualdade.
O 13 de marzo será a queda da actividade “Formación Pantallas Amigas”, na que se falará de identidade dixital, redes sociais e videoxogos, centrándose en aspectos como o bullying, o ciberbullying, o grooming, a privacidade e aciberseguridade nos dispositivos, así como a protección da imaxe e a xestión emocional.
O 18 de marzo, Sarabela Teatro levará o seu espectáculo “A cincenta que non quería comer perdices: hai príncipes que saen ras”, ao Auditorio Municipal Os Gozos, e no mes de abril, o CIM organiza a VII Xuntanza da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional Fronte a Violencia de Xénero, que terá lugar en Parada de Sil.
Ademais, en maio desenvolverase o Programa Educación Afectivo Sexual dirixida ao alumnado de ESO dos centros escolares do Pereiro a cargo da entidade Aseia, e en xuño arrancará a campaña “Agresión Off, Eu Digo Non á Violencia Sexual”, sobre a importancia de romper coas condutas violentas e non igualitarias, tanto nas relacións persoais como sociais, facendo especial fincapé na xente nova.