O club Marbel logrou 4 medallas no Campionato Galego Escolar de Judo

Este sábado, 5 de abril, celebrouse no Pavillón Municipal de Lugo a fase final do Campionato Escolar de Judo nas categorías Infantil e Cadete de ambos sexos, con deportistas nacidos entre os anos 2008 e 2012. As competicións foron organizadas pola Federación Galega de Xudo e contaron co patrocinio da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.
Este evento reuniu a centos de judokas galegos destas categorías: os nados entre 2011 e 2012 (Infantil) e entre 2008 e 2010 (Cadete). Entre eles estiveron 11 competidores ourensáns do ximnasio Marbel.
O balance, segundo o club, foi “extraordinario”. Na categoría infantil, Elena Domínguez Pliego (-63 kg) acadou a medalla de prata e o subcampionato galego, mentres que Elio Estévez López (-66 kg) fíxose coa medalla de bronce. Carla Seone Laso (-40 kg) rematou quinta na súa categoría, e tamén participaron Adriano Verdeal Da Silva (-38 kg) e Antía López Teixeira (-59 kg).
Na categoría cadete, Lucía Caneiro Basalo (-48 kg) e Gabriela Da Silva González (-70 kg) conseguiron cadanseu bronce. No caso de Da Silva, é a segunda vez que repite medalla. Dafne Gómez Zurita (-52 kg) e Henar Pérez García (-48 kg) remataron nun meritorio quinto posto. Ademais, tamén participaron Aarón Rodríguez Rodríguez (-73 kg) e Daniel Ferreiro Ferreiro (-60 kg).
O equipo Marbel estivo asistido no tatami polos mestres Felipe Iglesias e Anita Fernández, ademais de contar co mestre Manuel Montero. “Sen dúbida, cumpríronse os obxectivos de competitividade e mellora a nivel galego, superando os dous bronces do ano pasado”, sinalan desde o club.