O Comité de Memoria Histórica de Celanova homenaxea ás vítimas do cárcere de mulleres
As conferencias dos historiadores Rosa Cid Galante e Julio Prada abrirán este sábado no salón de plenos da Casa do Concello de Celanova os actos de homenaxe ás represaliadas no cárcere de mulleres de Celanova entre 1936 e 1938.
Despois das conferencias, ás 13:00 horas, descubrirase unha placa que sinala como Lugar de Memoria o edificio dos actuais xulgados na Praza das Pitas, que albergou o vello cárcere. Participarán no acto dúas familias de represaliadas, as de María del Valle Lozano e Salud Torres Díaz, quen, despois de pasar pola cadea en Celanova, serían asasinadas en Xinzo o 29 de outubro de 1937.
O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, que organiza a homenaxe en colaboración co Concello de Celanova, leva documentados os nomes de 100 mulleres que penaron naquel presidio, o primeiro para reprimir a mulleres que se abriu na provincia tras o golpe de Estado.