O Concello de Allariz e as Escolas Deportivas Municipais de fútbol e baloncesto renovan a súa colaboración

O Concello de Allariz renovou hoxe o convenio anual de colaboración cos clubs de fútbol e de baloncesto de Allariz para a xestión das Escolas Deportivas Municipais, garantindo a continuidade destas ata as categorías xuvenís.
Na actualidade, a Escola Deportiva de baloncesto conta con arredor de 170 nenas e nenos inscritos, desde babybasket ata a categoría júnior, mentres que a de fútbol suma aproximadamente 140 mozas e mozos participantes, nas diferentes categorías de base. Estas cifras reflicten o impacto positivo destas escolas no desenvolvemento deportivo e social da mocidade alaricana.
A alcaldesa Cristina Cid destacou que “o deporte é unha ferramenta fundamental para o desenvolvemento persoal e social de nenas, nenos, mozas e mozos. Este acordo permite seguir ofrecendo espazos de aprendizaxe onde se fomentan valores como o compañeirismo, a disciplina e o traballo en equipo”.
Desde a Concellería de Deportes tamén se puxo en valor o esforzo colectivo por manter un proxecto sólido e de calidade, que contribúe á promoción do deporte base e á creación de hábitos saudables entre a infancia e a mocidade. Subliñouse, ademais, a vontade de continuar mellorando os recursos e espazos dispoñibles para a práctica deportiva no municipio.
No acto de renovación estiveron presentes Lorena Barros, en representación do Club Baloncesto Allariz, e Francisco Alejandro Piñeiro polo Club Deportivo Allariz, quen valoraron positivamente a continuidade do convenio e o seu impacto na formación de novos talentos e na vida activa da mocidade local.
A renovación deste convenio reafirma, un ano máis, o compromiso do Concello de Allariz co deporte base como ferramenta esencial para a cohesión social e o desenvolvemento integral da infancia e da mocidade do municipio.