O Concello de Ourense aproba os descontos nos autobuses urbanos para 2026

O Concello de Ourense aprobou os novos descontos que se aplicarán no servizo de autobuses urbanos durante o ano 2026, con rebaixas que chegan ata o 51 % e a gratuidade do transporte para os menores de 14 anos. A medida foi validada pola Xunta de Goberno Local na súa sesión ordinaria desta semana e enmárcase nas axudas estatais ao transporte público.
Segundo o acordo, as persoas usuarias da Tarxeta Milenio de estudantes pagarán 0,21 euros por viaxe, o que supón unha redución superior ao 50 % sobre a tarifa habitual. No caso da Tarxeta Milenio ordinaria, o prezo será de 0,49 euros por traxecto, cun desconto próximo ao 21 %. O resto de abonos e títulos multiviaxe non se inclúen nesta iniciativa ao contar xa con bonificación total na ordenanza fiscal vixente.
Ademais, o transporte urbano será gratuíto durante todo o vindeiro ano para os nenos e nenas de ata 14 anos. Poderán beneficiarse desta medida os menores nados entre o 1 de xaneiro de 2012 e o 31 de decembro de 2026, que deberán acreditar a súa idade mediante o DNI para acceder á bonificación do 100 %.
Os descontos estarán financiados a través das axudas do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible. Neste sentido, a Xunta de Goberno autorizou á Alcaldía a solicitar formalmente estas subvencións directas, recollidas no Real Decreto-lei 17/2025, destinadas a fomentar o uso do transporte público.
O Concello trasladará o acordo á empresa concesionaria, Autobuses Urbanos de Ourense S.L., para que os novos prezos entren en vigor o 1 de xaneiro de 2026.