O Concello de Ourense baralla a entrada de novos accionistas no COB
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o concelleiro de Deportes, informaron os voceiros de que o Concello ten constancia dun posible interese por parte de inversores privados por formar parte do accionariado do Club Ourense Baloncesto, equipo da Liga LEB Oro, do que o Concello é titular do 16% das accións, ao igual que a Deputación de Ourense.
A entrada de inversores podería producirse por dúas vías. Unha delas sería que o Concello lles venda as accións das que é titular, e a outra sería realizar unha ampliación de capital, coa que os inversores privados entrarían no accionariado, no que se mantería o Concello. O alcalde emprazou tamén os grupos a que manifesten a súa opinión acerca destas dúas opcións.
Porén, o goberno local garante que, no caso de que non chegasen novos accionistas, manterá o seu apoio ao club na mesma medida que nos últimos anos. Tamén á súa directiva, á que daría un voto de confianza en recoñecemento aos resultados acadados nas dúas últimas tempadas. En todo caso, de non chegar novos accionistas, o goberno local cre preciso facer un chamamento ao tecido empresarial de Ourense, pois entende que “ten que dar un paso adiante se realmente queremos ter baloncesto de calidade na cidade”.
Dende o grupo municipal do BNG no Concello de Ourense, o portavoz, Luis Seara afirma que “nós entendemos que se do que se trata é de desprenderse do paquete accionarial, haberá que facelo tamén na outra SAD na que o Concello tamén ten accións como é o Ourense CF”, e engade, “en todo caso é outra das cuestións que teremos que avaliar antes de fixar posición”.
Pola súa banda, os socialistas avogan pola máxima transparencia en canto a xestión económica, social e deportiva deste clube insignia da cidade.
“Queremos facer un recoñecemento expreso aos responsables da área social do COB polo seu inmenso traballo e compromiso, que da man de outras asociacións e colectivos da cidade conseguiron que fora unha das mellores da Liga LEB Ouro este ano. Fixeron medrar notablemente a asistencia aos partidos do club, chegando nalgún caso arredor de 5.000 persoas esta tempada”, destacou a voceira.
Logo da proposta que deixaron no aire o rexedor e o edil de Deportes, as e os socialistas valorarán as opcións con responsabilidade e rigurosidade para “blindar e defender a área social” garantindo a fiablidade de solvencia e o futuro do club “apostando firmemente pola promoción do deporte de base coa ampliación da canteira cobista en próximas tempadas”. “Así mesmo, sumámonos ao chamamento á participación do tecido empresarial para gantir a autonomía e supervivencia do COB, dentro do proxecto conxunto que todos e todas aspiramos a ter para Ourense”, rematou.