O Concello de Ourense descarta instalar o futuro parque canino no parque Angelita Paradela

O Concello de Ourense descarta instalar o futuro parque canino da cidade no parque Angelita Paradela, onde estaba inicialmente previsto, e buscará unha “mellor localización” para as instalacións.
A decisión foi anunciada este luns polo alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, que asegura que “non se debe fragmentar ese parque, emblemático do barrio de Barrocás”. Trátase, di o alcalde, dun “espazo extraordinario de esparexemento e lecer para a veciñanza que se vai poñer aínda máis en valor coa construción dunha nova piscina”.
Segundo Pérez Jácome, “localizar aí un parque canino suporía recortar o parque, e iso non procede”, e asegura que esta decisión está avalada pola veciñanza e pola comunidade educativa do barrio.
O futuro parque está promovido pola Xunta de Galicia e o Concello de Ourense, que agora terá que buscar un novo emprazamento, presumiblemente noutra zona de Barrocás. A decisión, sinalan dende o Goberno municipal, será trasladada proximamente ao organismo autonómico.