O Concello de Ourense evita unha nova sentencia por acoso a un funcionario

OurenseXa
Unha sentenza do Xulgado do Social vén de desestimar unha demanda por acoso laboral contra o Concello e dous concelleiros
Concello-Ourense-recurso
Concello de Ourense
20 Mar 2025

O Concello de Ourense recibiu esta mañá a sentenza ditada polo Xulgado do Social número 3 de Ourense, no procedemento ordinario 765/2024, que desestima a demanda por acoso presentada por un funcionario municipal contra o Concello e o concelleiro, Francisco Lorenzo e o ex-concelleiro de Medio Ambiente, José Ignacio González. O xulgado absolve o Concello e os dous concelleiros ao entender que “non se aprecia situación de acoso laboral nin vulneración de dereitos”, tal e como informan dende o Goberno municipal a través dun comunicado.

O funcionario alegaba na súa demanda que a conduta observada polos concelleiros e polo Concello incumprira as obrigas en materia de prevención de riscos laborais, con grave risco para a seguridade e a saúde do demandante, e solicitaba que se ordenase acometer as medidas de protección necesarias no cumprimento da normativa de prevención de riscos laborais, e indemnizalo por danos psicosociais e morais sufridos.

Nos fundamentos de dereito da sentenza, o Xulgado do Social sinala que “no presente caso, non hai proba algunha de que haxa esta actitude de hostigamento ao demandante nin incumprimento de ningunha medida de prevención de riscos laborais infrinxida”.
Tras analizar os diferentes argumentos expostos na demanda, a sentenza do xulgado conclúe, segundo informan dende o Concello nun comunicado, que “non se aprecia ningún comportamento que afecte á dignidade do demandante nin situación de acoso laboral nin vulneración de dereitos, polo que se debe desestimar a demanda porque non hai infracción de normativa de prevención de riscos laborais”.

O Concello evita así unha nova condena por acoso, que de haber sido favorable para o denunciante sería a segunda da semana, logo de que o Concello e o propio alcalde, Gonzalo Pérez Jácomez, resultaran condenados por incumprir a normativa en materia de prevención de riscos laboráis tras unha denuncia da ex-xefa de comercio. Sentencia que desprende, ademais, unha conducta de acoso dirixida á denunciante por parte do rexedor, que acostuma a cargar contra o funcionariado de forma pública. Tras a sentenza desta semana, o Concello e o alcalde deberán pagar á ex-xefa de Comercio, Stella González “de forma conxunta e solidaria” una cantidade de 30.000 euros por danos morais, e outros 18.685 euros en concepto de indemnización por incapacidade temporal”.

Con esta, o Concello suma tres condenas por acoso dende que Pérez Jácome é alcalde, as outras dúas por coso á intendente-xefa da Policía Local e ao Interventor municipal.

⚙ Configurar cookies
0.042071104049683