O Concello de Ourense gastou medio millón de euros no Entroido de 2025

O Entroido de Ourense 2025 tivo un custo de 550.000 euros, cifra similar ao das dúas edicións anteriores, segundo explicou esta mañá o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, quen asegura que se trata dunha cifra “moi pequena” comparada co “retorno” que proporciona a celebración, con “récords de facturación, hoteis triplicando o prezo das habitacións e locais de restauración cheos e con reservas esgotadas desde semanas anteriores, amais dunha afluencia masiva de visitantes, que mesmo contaron con servizos especiais de AVE”. O Entroido “é a festa máis rendible que se fai en Ourense”, conclúe o alcalde.
O goberno municipal aspira elevar o orzamento do Entroido para 2026 a un millón de euros, para o que solicitará o apoio da Deputación Provincial de Ourense e da Xunta de Galicia.
Pérez Jácome fai un balance moi positivo do Entroido 2025, unha celebración pola que aposta o goberno municipal como a grande festa da cidade, e que este ano, “foi a máis, polo que o custo foi moi pequeno para a festa multitudinaria que foi”.
Este ano o Concello solicitou o apoio económico da Xunta de Galicia, que concedeu unha axuda de 17.000 euros, que representa o 3% do orzamento.
Para as próximas edicións, explica Gonzalo Jácome, “a nosa idea é seguir fomentando o Entroido como unha das grandes citas do Norte de España. Vén moita xente de fóra de Galicia, ademais de ser un elemento dinamizador da hostalaría e doutros sectores económicos. É a festa máis rendible que se fai en Ourense, polo retorno que proporciona”, asegura.
Por estes motivos, adianta o rexedor, “queremos seguir impulsándoa, e para o ano que vén queremos involucrar a Deputación e a Xunta de Galicia e chegar a un orzamento dun millón de euros. Unha cifra que non é nada desorbitada, se temos en conta os investimentos que a Xunta realiza noutras actividades, como os festivais musicais”, manifesta o alcalde de Ourense.