O Concello de Ourense planea organizar un festival de música folk na cidade de cara a 2026

OurenseXa
O festival coincidiría coa celebración dos Maios e estenderíase durante dous días
manuel-brañas-gonzalo-perez-jacome
Manuel Brañas e Gonzalo Pérez Jácome
12 Mar 2025

O Concello de Ourense reforzará a programación dos Maios 2026 cun festival de música folk. O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, recibiu esta mañá no Concello a Manuel Brañas, artesán de instrumentos musicais e fundador do grupo Brañas Folk, para avanzar nesta iniciativa, que pretende dotar a cidade dun festival de música folk durante unha fin de semana.

Por vontade do Concello, o festival levarase a cabo durante a festividade dos Maios, coa finalidade de dotar dun atractivo engadido a esta celebración, que coincide tamén co Día da Nai, o primeiro domingo do mes de maio. A programación da edición dos Maios de 2025 está xa pechada, polo que a primeira edición do novo festival será en 2026. Dende hai 3 anos, sempre hai unha actuación de música folk na festa dos Maios.

O formato será un festival de 2 días: sábado e domingo, e contará coa participación de músicos de prestixio e un programa que integrará tamén actividades paralelas, para as que se valoran posibilidades como obradoiros de elaboración de instrumentos, conferencias ou concertos didácticos. O resultado será así unha programación de diferentes propostas que, sumadas ás incluídas na festa dos Maios, poderán propiciar tamén a afluencia turística á tradicional festa ourensá. “É un win win”, resumía ao remate da xuntanza o alcalde xa que a elección desta data reforzará a celebración da festa e suporá un atractivo tamén para o propio evento musical.

O Concello asumirá a organización do festival, para a que o goberno municipal agarda contar coa colaboración da Xunta de Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.050906896591187